O gondomareño Ricardo Buba logra a vitoria en O Porriño e un terceiro posto en Ponteareas

A Copa Galicia de Estrada viviu en menos de 48 horas dúas xornadas con puntos en xogo. Esta dobre cita tivo como primeira parada La Nocturna de O Porriño o venres pola noite e a segunda entrega celebrouse o domingo en Ponteareas coa estrea do Gran Premio Borja Gómez Méndez, nova denominación para un evento que conserva o apelido de Trofeo Festas de Setembro.

Unha cita clásica e diferente pechou o pasado venres a paréntese provocada pola crise sanitaria da COVID. O Porriño recuperou La Nocturna despois de non celebrarse no 2020. O evento organizado polo Máster da Louriña e a AD Avanza reuniu a todas as categorías do ciclismo de estrada no tradicional circuíto polas rúas do centro. O gondomareño Ricardo Buba, do Vigo-Rías Baixas, impúxose na carreira júnior.

A proba organizada polo Club Ciclista Ponteareas non provocou ningún cambio de líder nas clasificacións xerais do certame autonómico. O gran triunfador desta xornada foi o corredor que defendía o primeiro posto no ranking júnior da Copa. Sergio Lorenzo venceu en Ponteareas dous días despois de vestirse de líder en O Porriño. A carreira estrela do G.P. Borja Gómez Méndez resolveuse con sete ciclistas disputando un sprint no que o corredor do Cidade de Lugo-Mybike impuxo a súa punta de velocidade por diante de Fabián Rodríguez (Cambre) e Ricardo Buba (Vigo-Rías Baixas), segundo e terceiro respectivamente.

A Copa Galicia de Estrada continuará este sábado en Lugo co 57º Gran Premio Milagrosa 2021.