Nigrán festexa o Día Mundial dos Océanos cunha xornada artística

Concello de Nigrán e Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) únense á conmemoración do Día Mundial dos Océanos (8 de xuño) e do inicio da Década das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible (2021-2030) coa xornada artística “Nigrán Con-Ciencia. Activistas de Lapis e Pincel”. Esta foi presentada esta mañá e se desenvolverá o sábado 12 de xuño durante todo o día no campo de fútbol de Lourido, participando tamén o IIM e o Instituto Español de Oceanografía-Vigo e o IES Audiovisual de Vigo. A iniciativa encádrase nas campañas de concienciación medioambiental que leva a cabo habitualmente o Concello de Nigrán, localidade adscrita ao proxecto Cuidad Ciencia e que suma 50 municipios de toda España. Ademais, forma parte do proxecto “Científicas y Cambio Global. Programación de la Red de Cultura Científica del CSIC”, coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación.

Trátase dunha xornada de inspiración científica ao aire libre ao redor da ilustración, guiada por profesionais do mundo da arte e onde estará persoal científico e técnico do IIM e do IEO, cos que se poderá debater sobre a investigación mariña. Así, contará cun espazo para o público infantil (3 anos en diante) con tres quendas (11.00 horas, 16.30 horas e 18.30 horas) con prazas limitadas a 25 participantes. Este “Obradoiro de creatividade mariña” estará guiado por MATRÁCALA e a ilustradora Olalla Fernández.

Adicionalmente, haberá obradoiros para o público xuvenil e adulto e serán en horario continuo de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas, e estarán guiados por Sandra Amelines (Obradoiro “Crea o teu propio caderno de campo”) e Conchi Cuadrado (Obradoiro Arte Cuadrado – varias técnicas: acrílico, óleo, pastel…) En paralelo, no mesmo lugar, poderanse visitar as exposicións “Ciencia Á Vista con Yoel Iglesias Sotelo”, promovida polo IIM, e “Oceánicas: a muller e a oceanografía” do Centro Oceanográfico de Vigo IEO.

A maiores, o Festival Vive Nigrán súmase a esta iniciativa coa sua campaña ‘VIVE SOSTENIBLE’, realizando a segunda recollida de plásticos na zona en colaboración co Concello. Os interesados en participar deben inscribirse en atencioncidada@nigran.org indicando o seu nome completo, DNI e teléfono de contacto (as prazas limitaranse a 50 persoas seguindo rigurosa orde de inscrición). O punto de encontro será o campo de fútbol de Lourido ás 10:30 e a duración estimada de 2 horas.

“O obxectivo desta iniciativa é dar visibilidade aos retos da Axenda 2030 a través dunha campaña de sensibilización social sobre o papel da cidadanía na conservación da súa contorna máis próxima e a súa contribución aos grandes retos globais. En concreto, esta actividade céntrase nos obxectivos de desenvolvemento sostible ODS 13: Acción polo Clima, e ODS 14: Vida Submarina, no marco da actual situación de Cambio Global que vivimos”, explica Luisa Martínez Lorenzo, responsable da UCC do CSIC en Galicia que engade que “a actividade fomenta os encontros entre persoal científico e técnico cos participantes, dando visibilidade ao papel das mulleres científicas que traballan en investigación mariña a través da exposición ‘Oceánicas: a muller e a oceanografía’”.

“É unha honra que o CSIC nos propuxese co-organizar esta actividade. No Concello de Nigrán apostamos desde sempre polas accións de concienciación porque sabemos que funcionan, o comprobamos en cada xornada de limpeza de praias (cada vez máis numerosas) ou en campañas como #SanXoanSenLixo ou #PlantalleCaraAosPlásticos”, indica Juan González, alcalde de Nigrán, quen avanza novas ideas este verán para loitar contra as cabichas e os plásticos nas praias.