A Área Sanitaria de Vigo incorpora ao sistema público de saúde a 305 profesionais

A Área sanitaria de Vigo é a primeira de España en contar cos primeiros profesionais especialistas en enfermaría Familiar e Comunitaria fixos, con praza en propiedade, no sistema sanitario. Estes 6 especialistas tomaron hoxe posesión das súas prazas.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o nomeamento dun total de 305 profesionais na Área Sanitaria de Vigo, seleccionados na última oferta pública de emprego das categorías profesionais de facultativos de atención primaria, enfermaría, Técnicos en Cuidados Auxiliares de Enfermería, Fisioterapeutas, e persoal de servizos xerais. Coa adxudicación das prazas, declárase finalizado o concurso-oposición para o acceso á condición de persoal estatutario fixo destas categorías.

Estes profesionais comezaron hoxe a tomar posesión das súas prazas, o que supón a súa incorporación á Área Sanitaria de Vigo con condición de fixeza, cumpríndose así o obxectivo do Sergas de seguir avanzando na estabilización do seu persoal.

Un total de 73 destinos foron adxudicados na categoría profesional de facultativo/a de atención primaria: 52 médicos de familia, 3 odontólogos, e 18 pediatras. Ademais, adxudicáronse 18 prazas de fisioterapeutas; 35 profesionais de enfermaría especializada (6 de enfermaría familiar e comunitaria, 1 enfermeira do traballo, 4 de enfermaría pediátrica, 16 de enfermaría de obstetricia e xinecoloxía e 8 de saúde mental); 17 de PSX (Persoal de servizos xerais) e162 de Técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAEs).

Cómpre destacar a incorporación nesta última categoría, dun total de 4 TCAES da quenda de discapacidade intelectual, dando cumprimento á integración laboral destas persoas dentro do Servizo Galego de Saúde.

O persoal nomeado disporá do prazo dun mes, ata o próximo 7 de xullo, para incorporarse á praza adxudicada, aínda que no día de hoxe tiveron lugar a maior parte das incorporacións que se realizaron con cita previa no hospital Álvaro Cunqueiro e no hospital Meixoeiro, mentres que no ámbito de Atención Primaria realizáronse de xeito telemático.