“Terra, cebada e uva” e “Bastión”, gañadores da VIII edición da Festa da Empanada de Gondomar

O Concello de Gondomar e a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) entregaron este luns os premios aos gañadores da VIII edición da Festa da Empanada. O xurado profesional distinguiu o traballo feito polo establecemento “Terra, cebada e uva” que recibiu o primeiro premio, patrocinado polo Parador de Turismo “Conde de Gondomar”. Pola súa banda a Xamonería Tapería Bastión obtivo o primeiro premio outorgado polo xurado popular.

A votación popular outorgou o segundo premio deste certame á empanada elaborada por “Terra, cebada e uva”, mentres que o terceiro posto foi para a Xamonería Catro Camiños. Todos eles recolleron os diplomas acreditativos nun acto no que participaron o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, o presidente da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor, Jose Ángel González, e a concelleira de Comercio, Rocío Goberna.

O concurso organizado pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), coa colaboración do Concello de Gondomar, desenvolveuse entre os días 20 e 23 de maio nun total de 10 establecementos nos que as persoas que degustaron as distintas empanadas depositaban os seus votos, unha colaboración que tamén se premiou cun sorteo de 4 vales de 25 euros para poder consumir en calquera dos locais participantes.

“Aos poucos imos recuperando a normalidade no sector da hostalería, que con iniciativas destas características dá un paso máis cara a ese obxectivo, no que sempre contará coa colaboración do goberno de Gondomar”, concluíu o rexedor Paco Ferreira.