O aparcamento do Aral aumenta nun 68% o número de abonados tras a rebaixa de tarifas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Aparcadoiro do Aral.

O aparcamento municipal do Aral aumentou nun 68% a cifra de abonados nos primeiros seis meses do ano 2021, debido á ordenanza que rebaixou as tarifas, ao pasar de 221 a 372 abonos mensuais. As instalacións contan cun total de 711 prazas, e tras varios reaxustes no prezo, o goberno municipal aprobou definitivamente as novas cotas mensuais cunha ordenanza na que se recolle unha rebaixa exclusiva para os veciños e veciñas da vila.

O abono mensual de 24 horas para todo o ano reduciuse case un 40% e pasou de 52 euros aos 32 actuais. Todo iso co fin de dar un impulso ao alugueiro de prazas entre os residentes e ofertar un servizo alcanzable a aqueles que non dispoñen de garaxe propio, como ocorre en gran parte das vivendas do casco histórico. A gran rebaixa no abono 24 horas atraeu a un 70% máis de abonados nesta tarifa desde xaneiro a xuño de 2021, pasando de 187 a 317 persoas.

O diúrno, que permite deixar o coche de 7:00 a 22:00 horas, custa 28 euros, mentres que as motos pagan 20 euros ao mes. O diúrno experimentou un aumento do 12% neste período. Precisamente este atractivo prezo para os vehículos de dúas rodas propiciou un aumento nos abonos do 200%, pasando de 9 abonados a 27.

O concelleiro encargado da xestión da instalación municipal, Óscar Martínez, sinala que “coa aprobación desta ordenanza o que queriamos é converter o aparcadoiro nun servizo público útil para os baioneses e baionesas”. Tamén explica que “a resposta dos cidadáns está a ser positiva e incrementouse de forma notable o uso das instalacións tras asumir reducir o concello as tarifas”.

Pola súa banda o Alcalde, Carlos Gómez, indica que coa aprobación da nova ordenanza, que ofrece importantes reducións nas tarifas, o que o goberno baionés quixo é “ofrecer un servizo público de calidade e que beneficie o máximo posible a todos os baioneses e baionesas, xa que os veciños e veciñas tiveron que afrontar unha débeda de catro millóns de euros pola mala xestión do goberno anterior”. E finaliza que “coa rebaixa de tarifas búscase que a veciñanza salga o máis beneficiada posible”.

O establecemento custou 4 millóns de euros ás arcas municipais, tal e como resolveu a xustiza tras o preito con Sofranda. O Concello de Baiona tivo que facer fronte a diversos pagos: realizou o primeiro, de 2 millóns, o pasado xullo. O segundo, de 1 millón, abonouse ao finalizar 2020, e o terceiro, o millón restante, terase que abonar antes de setembro de 2021.

Así mesmo o rexedor lembra que “todos os veciños e veciñas do municipio poderán gozar dunha hora de aparcamento gratis todos os días do ano (tamén sábados, domingos e festivos) os doce meses do ano”.