Os tapices florais cobren de novo as rúas de Gondomar

A celebración do Corpus Christi recuperou este ano a tradición que se remonta a 50 anos e que o pasado ano viuse interrompida como consecuencia da pandemia. Dúas agrupacións participaron na confección de tapices florais ante a igrexa de San Bieito e a Praza da Paradela.

A Asociación de Mulleres Rurais e o Club de Patinaxe Artística traballaron sen apenas descanso durante toda a semana para ter preparado todo o material co que deron forma aos tapices de flores que luciron este domingo en Gondomar, durante a celebración do Corpus Christi. As alfombras tradicionais regresaron así ás rúas tras verse interrompida esta tradición o pasado ano como consecuencia da pandemia.

Os integrantes de ambas agrupacións traballaron durante parte da noite no deseño e confección destas alfombras tan especiais que foron menos que en anos anteriores “pola situación sanitaria que seguimos vivindo”, decorando a Agrupación de Mulleres Rurais o acceso principal á igrexa de San Bieito.

A segunda, que se realizou na Praza da Paradela, onde se recibiu a procesión, foi confeccionada polos integrantes do Club de Patinaxe Artística de Gondomar, que reduciron case á metade da extensión habitual.

“Recuperamos, aínda que sexa de forma reducida e simbólica, unha das nosas tradicións máis queridas”, asegurou o alcalde, Paco Ferreira.

Tamén se celebrou a procesión, que realizou o seu percorrido habitual desde San Bieito pasando por Eduardo Iglesias ata a Praza da Paradela, onde se fixo a ofrenda correspondente, para posteriormente retomar o seu camiño pola rúa Manuel Losada dirección de novo á igrexa, acompañada pola Banda de Música de Vincios.

Corpus Christi en Gondomar

🎥 VIDEO: Corpus Christi en Gondomar.

Publicado por Valmiñor TV en Domingo, 6 de junio de 2021

El pase de diapositivas requiere JavaScript.