Nigrán únese á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente

O Concello de Nigrán únese este sábado, 5 de xuño, á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente cun “apagamento” convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (entidade que preside o alcalde de Nigrán) dentro do proxecto europeo #PeopleAndPlanet e, a maiores, participando na iniciativa #UnÁrbolPorEuropa.

Así, este mediodía foron plantados 15 madroños nunha zona verde do parque empresarial Porto do Molle como parte da iniciativa #Un ÁrbolPorEuropa, que une a máis de 450 localidades de todo vello continente e 9.000 exemplares repoboados. Esta é unha proposta do Parlamento Europeo na que se invita a tódolos alcaldes a que planten unha árbore na súa localidade e visibilicen a importancia do desenvolvemento sostible no eido local e da mocidade nos procesos de toma de decisións neste asunto.

Igualmente, a partir das 23 horas, suspenderase a iluminación pública do Consistorio co fin de concienciar sobre o consumo enerxético. A acción encádrase tamén no proxecto europeo “People and Planet”, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático. Aínda que o consumo eléctrico en Galicia caeu un 5,8% no ano 2020, tratouse dun descenso conxuntural debido á paralización da actividade por mor da Covid-19, de aí que cumpra seguir fomentando o aforro de enerxía para evitar o impacto ambiental que supón producila.

“Son accións simbólicas que reflicten a nosa propia maneira de facer política, situando ás persoas e o medio ambiente como prioridades e trasladando os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible tamén ao eido local”, explica Juan González, alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, quen avanza unha gran celebración para o Día Mundial dos Océanos o próximo sábado.