Walls confirmado para Vive Nigrán 2021

Walls completará o cartel da 1ª noite do Vive Nigrán xunto ao dream team canario Locoplaya e o dúo galego Verto. O xoves 15 de xullo o festival arrancará a súa 5ª edición cun triplete de luxo. As entradas individuais para este día pódense adquirir a un prezo de 25€ + gastos a través da web de Vive Nigrán e de Ataquilla.

Walls é un artista e freestyler de Murcia nacido no ano 2000. Con tan só 16 anos salta á fama ao clasificarse para a Batalla de Galos nacional de Red Bull, sendo un dos Mc’s máis novos en participar e confirmando que se trataba dunha das novas promesas do freestyle en castelán. Competiu nas batallas máis importantes a nivel nacional, conseguindo gañar a reputados Mc’s como o coñecido Arkano, Blon ou Bta.

Tras moitos anos no circuíto, en 2020 retírase da FMS España e dá un novo xiro á súa prometedora carreira. Compón cancións influenciado por diferentes estilos e a súa música empeza a correr como a pólvora no boca-orella. En moi pouco tempo labrouse unha importante base de fans e empeza a participar nos festivais máis importantes do país.

Cunha música máis accesible, infestada de hits instantáneos, está a conseguir unhas cifras para ter moi en conta: unha media de 647.082 oíntes mensuais e millóns de reproducións en Youtube e Spotify. Un artista con moito futuro.

Natalia Lacunza, Ginebras e Sidecars son os outros nomes confirmados para o venres 16 e sábado 17 de xullo respectivamente. O ritmo de venda de entradas para ambos os dous días está a ser moi alto, o que demostra o enorme interese que espertaron estes concertos ante a súa cada vez máis grande base de fans.

O festival contará o sábado 17 coa Sesión Vibra Mahou (matinal), que correrá a cargo de Shinova e Mounqup.

Vive Nigrán conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Concello de Nigrán e Xunta de Galicia. Ademais, conta co patrocinio de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas, na súa aposta por achegar ás persoas a través da música e reivindicar os encontros sociais seguros como algo esencial para vivir mellor.

O festival regresa na súa 5ª edición ao recinto no que naceu en 2017 -o Campo de fútbol de Monte Lourido- e adaptarase a un formato “especial” con aforos limitados. Estará adaptado á situación actual e aplicaranse as recomendacións, instrucións e medidas protocolarias vixentes sobre materia sanitaria e nivel de aforo, para o correcto desenvolvemento dos concertos.