O Colexio Estudio de Chandebrito participa este sábado no IV Encontro de Debate Escolar

O Castro British International School acolle por cuarto ano consecutivo o Encontro de Debate Escolar, que se celebrará este sábado en modalidade en liña. O evento, organizado por CODE, patrocinado por WEDU Sociedad&Educación e O Castro British International School, coa colaboración da Asociación Retórica da Universidade de Vigo, congregará a escolares de primaria, ESO e bacharelato de diferentes colexios e asociacións de Galicia, entre os que figuran O Castro British International School, Apóstolo Santiago Jesuítas, Martín Códax, Amor de Dios, Colexio Estudio, Internacional SEK-Atlántico, Inventiva Asociación e Asociación Áurega, entre outros.

Nesta cuarta edición asistiremos a un Encontro cun formato diferente a anos anteriores. Nesta ocasión, tres exhibicións de debate de diferentes niveis que se desenvolverán en modalidade en liña “garantindo así a seguridade de todos os participantes”, tal e como afirma desde a organización a presidenta de CODE, Silvia Lobato.

En total 10 equipos, compostos por dous membros cada un, enfrontaranse dialécticamente baixo o formato de British Parliament (BP), unha das modalidades de competición de debate máis empregadas a nivel mundial. A particularidade deste modelo é que os temas para debater non se anuncian con anterioridade, senón que se coñecen no mesmo momento en que se desenvolve a competición, deixando aos participantes 15 minutos para preparar a liña argumental que lles toca defender.