Sin categoría

“Lugove culpable, a Xunta responsable”

Ante a situación de precariedade no servizo de transporte á que está sometida a nosa comarca, a Plataforma por un transporte público e digno para o Val Miñor, sumándose a outras plataformas pola defensa do transporte por todo o país, convocaron este domingo unha concentración na Alameda da Ramallosa para exixirlle á Xunta de Galicia, “sabedora e cómplice da situación que vivimos”, unha solución a estes problemas. Acudiron ao redor dun centenar de persoas, con proclamas como “Transporte digno para o Val Miñor, “Lugove culpable, a Xunta responsable” ou “O transporte é un dereito e non un privilexio”.

“As administracións non poden eludir as súas responsabilidades ao non esixir o cumprimento da normativa vixente en materia de transporte e mobilidade, e mirar para outro lado mentres as empresas enriquécense co diñeiro de todos e todas as galegas. Non imos deixar pasar máis tempo para atallar unha solución á reiterada demanda de resolver os problemas que rexistra o transporte público na nosa comarca”, sinalan no seu manifesto.

Autobuses ateigados e insuficientes, que poñen en risco a seguridade dos usuarios/as ao ter que viaxar de pé ou deixando “tirada” á xente nas paradas. Perda de frecuencias horarias. Pésimo servizo específico para colectivos estudiantís, traballadoras e traballadores ou persoas que teñan que acudir a citas médicas, entre outros… Impuntualidade dos horarios. Estado da frota de autobuses, con vehículos vellos, e non adaptados para ás persoas con mobilidade reducida, non ofrecendo un servizo e uso en garantías. Falla de información aos usuarios/as nas paradas, sen facilitar horarios en papel e cunha pésima atención telefónica.

“O transporte público é un servizo esencial para garantir que as persoas poidamos desprazarnos para acudir ao traballo, ao médico ou para facer calquera tipo de xestión que precisemos e por iso debe funcionar correctamente. Porque non estamos dispostos/as a que as persoas usuarias sigamos padecendo atrasos, buses masificados aos que non poder subir, autobuses que non pasan, desleixo total do servicio ou unha falta de información xeneralizada, entre outros problemas. Por todas estas cuestións, e moitas máis, hoxe comezamos unha campaña de denuncias e mobilizacións que estenderanse por todo o país para exixir unha solución xa”, conclúen desde a Plataforma.