O Vigo-Rías Baixas rodará desde este xoves no selecto pelotón da Volta a Castelló

A tempada de voltas máis importantes do calendario Elite-Sub23 español arranca este xoves coa Volta a Castelló. Nun selecto pelotón de 19 equipos, cinco deles estranxeiros, rodará o Vigo-Rías Baixas. A estrutura presidida por José Luis Chamorro tentará deixar o seu selo nunha rolda con dificultades montañosas nas súas catro xornadas e reservada a corredores de categoría Sub23.

A principal novidade no “seis” que presentará Marcos Serrano é a presenza de Pelayo Monasterio. O corredor asturiano volverá poñerse un dorsal tras sufrir a finais do mes de abril unha dura caída que cortou o seu excelente momento de forma. Na súa reaparición compartirá equipo co burgalés Asier González, o moldavo Nicolae Bumbu, o toledano Álvaro Carasa e os galegos Manuel Sampedro e Ángel Maneiro.

O Vigo-Rías Baixas converteuse desde 2016 en “un fixo” na lista de equipos convidados á Volta a Castelló. Nesta ocasión, o bloque flúor medirase aos mellores conxuntos do panorama estatal e a un póker de formacións estranxeiras: a Selección de Israel, o Basso Team Flanders belga e as escuadras francesas do AVC-Aix en Provence e o Vendée U.

A esixencia do percorrido irá en aumento ata a etapa reina do sábado, con final no alto de Vistabella. Ningunha das catro xornadas antóllase propicia para un sprint masivo e a primeira camisola de líder poñerase en xogo este xoves nun trazado de 136 quilómetros con inicio e chegada a Segorbe. O último dos tres portos puntuables, o Alto de Sacañet (2ª categoría), coróase a falta de 30 km para a liña de meta.