Francisco Javier Fernández, gañador por Baiona na XXXI Festa da Bicicleta

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, fixo entrega da bicicleta a Francisco Javier Fernández Fernández, gañador do sorteo por parte do Concello de Baiona realizado con motivo da celebración da XXXI edición da Festa da Bicicleta, sen dúbida, a súa edición máis especial xa que a tradicional cita deportiva do Val Miñor este ano adaptouse á época COVID.

Desde o Concello de Baiona, encargado de organizar esta edición, ideouse unha fórmula semi virtual para que os veciños e veciñas interesados puidesen participar na proba. En total, cento cincuenta persoas participaron nesta iniciativa, que se levou a cabo coa intención de seguir fiel á tradición e continuar fomentando o uso da bicicleta e esta práctica deportiva no Val Miñor.

Este ano organizouse unha festa virtual que se prolongou desde o 1 ata o 17 de maio, data tradicional na que viña celebrando a festa ata o ano pasado que se viu obrigada á súa suspensión debido á crise sanitaria derivada do Covid-19 e ao estado de alarma vixente.

Desde os Concellos de Baiona e Gondomar móstranse moi satisfeitos coa participación e o acollemento desta actividade posta en marcha por primeira vez como alternativa segura á tradicional celebración.