As alfombras florais resisten en Gondomar

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Tarefas de esfollado para as alfombras de Corpus.

Reúnense todas as tardes e as horas pásanlles voando co claro obxectivo de non perder unha tradición tan arraigada como as alfombras florais do Corpus que este ano recaen no 6 de xuño. Como non podería ser doutro xeito, a pandemia golpeou de cheo a unha das celebracións litúrxicas de máis calado da localidade miñorana que aquí leva realizándose desde a década dos 50, e que ademais de facelas perigar provocaron situacións tan estrañas como unha Virxe das Dores ou un Xesucristo representados con máscaras, e é que a pandemia non entende de relixións. O 2020 quedaron reducidas a unha décima parte e este, aínda que a previsión é máis alentadora, tamén serán en formato “mini” aínda que non tan encorsetadas como as anteriores.

De entre as 5 e 10 agrupacións que habitualmente enchen de cor as principais rúas da vila condal, este ano tan só participarán dúas, a Asociación de Mulleres Rurais e o Club de Patinaxe Artística de Gondomar, CPA, que xa comezaron coa conta atrás para o gran día coas habituais tarefas de esfollado. As primeiras encargaranse da decoración do acceso principal á igrexa de San Bieito e as segundas da contorna de Praza Paradela. Veciñas como Carmen, Irene, Tania, Ermita, Zaira ou Teresa poñen nome aos deseños realizados con mimosas, rosas, troques, caraveis ou hortensias ademais de mirto, que este ano ademais escasea. “Os caraveis é moi probable que teñamos que compralos”, aclaran.

Desde a agrupación inciden, contra todo prognóstico, na boa afluencia de voluntarios que acudiron ao salón parroquial a botar unha man. “A situación é mellor que en 2020 porque había moita incerteza e a xente tiña medo a vir, este ano parece que hai máis ganas, entendemos que en parte é polas vacinas”, indican. O pasado xoves foi o seu primeiro día de traballos e ao longo da tarde chegaron a xuntarse unha ducia de persoas, “cando normalmente empezamos cinco”. Quizais nesta ocasión a pesar de que o tempo xa xoga na súa contra poidan baixar algún que outro banzo de San Bieito e chegar coa súa obra ata o primeiro relanzo. “Iremos vendo segundo avancen os días”, manifestan. Desde o CPA comezaron a reunirse dous días antes que as súas compañeiras, o pasado martes foi a súa primeira xornada e habitualmente acoden a botar unha man unha decena de persoas. “Nesta edición temos a limitación do 50% da extensión habitual, contamos con que non excedan dos 10×10 metros”, explican. No seu caso presentaron unha solicitude ao Concello e desde que lles deron o visto e prace reúnense nunha sala do CDL de 16 a 21 horas aproximadamente. “As fins de semana adoitamos alongar un pouco máis”, aclaran. Agora, ramas en man, queda por diante unha maratón para a tarde do 5 xuño, momento no que empezarán a dar forma a un das artes efémeras máis significativas.