Nigrán Decide acusa ao goberno local de renunciar a unha subvención para adxudicar directamente un contrato

O goberno de Nigrán renuncia a 6.387 euros da subvención de 20 mil euros concedida pola Deputación de Pontevedra para poder adxudicar directamente, sen licitación pública, a elaboración do Plan de Mobilidade de Nigrán, segundo denuncia nun comunicado Nigrán Decide.

A subvención que foi concedida por acordo da Xunta de Goberno desta Deputación Provincial na súa sesión ordinaria do día 13 de abril de 2018, sendo o importe total do financiamento ata un máximo do 75% do valor de redacción dos Plans de Mobilidade.

Para poder optar á totalidade da subvención, o goberno tiña que convocar un concurso público licitando a elaboración do plan de mobilidade por un mínimo de 26.666 euros, polo que terían que concorrer todas as empresas que quixesen, sen embargo, optou por minorar o prezo do traballo para non ter que sometelo a concurso público e poder adxudicalo directamente.

Ademais, neste caso, a licitación aberta era relativamente sinxela, xa que o contrato ten que rexerse polos pregos establecidos na convocatoria da subvención, sen embargo o goberno non fixo nada desde que se lle concedeu a subvención en abril do ano 2018 até este mes, cando os Plans de Mobilidade teñen que estar redactados e presentados antes do 20 de abril de 2019.

A redacción do Plan de mobilidade é de gran importancia para Nigrán e o seu futuro, e por iso o grupo municipal de Nigrán Decide solicitou a inclusión dunha partida para a súa elaboración nos orzamentos do ano 2016. Ante a inacción do goberno, volveu solicitar a inclusión dunha partida para os orzamentos do ano 2018, actualmente vixentes, de 30 mil euros, que finalmente o goberno aceptou incluír por valor de 10 mil euros que, sumados aos 20 mil euros da subvención, totalizaban 30 mil euros.

Cómpre destacar que o Concelleiro de Urbanismo, a preguntas do grupo municipal, sinalou que un dos motivos para encargar o estudo de mobilidade era para reforzar a eliminación do viario no PXOM, polo que lle suxeriron que se incluíse o estudo do establecemento dun servizo de transporte público entre Nigrán e as parroquias.

Para a elaboración do plan de mobilidade segundo se indica nos pregos de prescricións técnicas é necesaria a realización de 4 fases. Só na primeira fase é necesaria a realización dunha enquisa e a celebración de Talleres sectoriais, para recoller e analizar as peticións de aquelas asociacións que se consideren de interese. Nesta primeira fase tamén é necesario realizar unha análise socio-económica e demográfica, do transporte e a circulación, enerxética e medio ambiental e da seguranza viaria. A esta fase seguiría unha fase identificación dos problemas, da definición de liñas estratéxicas e a elaboración de propostas concretas.

Nigrán Decide dúbida da calidade do traballo que se poida realizar pola gran cantidade de actividades que hai que realizar nun mes así como polo prezo de licitación, mais aínda cando a empresa á que se adxudicou non concorreu a ningunha das licitacións públicas para a elaboración de plans de mobilidade que se fixeron en concellos próximos.

“Danos a impresión que o goberno, ao igual que noutras ocasións, o que lle importa é dicir que se elaborou un plan de mobilidade”, sinala José Cuevas, para engadir que “temas como xustificar a eliminación do viario do PXOM ou establecemento dunha liña de transporte que una as parroquias de Nigrán son serios e requiren traballos complexos, rigorosos e ben documentados que dubidamos que nun mes se poidan realizar”.

Anuncios