O PP de Gondomar acusa ao alcalde de querer limitar a acción fiscalizadora da oposición

O alcalde de Gondomar convocou a Comisión Informativa de Asuntos do Pleno para o día de hoxe cun só punto, a aprobación inicial do novo Regulamento Orgánico Municipal, que vén a modificar o anterior do ano 2000. Neste novo Regulamento o alcalde propón entre outros asuntos a redución de tempos nos debates que limita a tres minutos para cada grupo, que só se poidan facer tres preguntas en cada pleno independentemente do número de membros que teña o grupo municipal, ou que cada grupo municipal poida presentar soamente dúas mocións en cada sesión plenaria.

A voceira do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós lamenta que o alcalde non tivese a mesma présa en levar a pleno o Plan Xeral, a confección duns Orzamentos municipais prorrogados dende o 2012, o Peri de A Pasaxe ou as axudas aos afectados polo Covid, asuntos de máis interese e importancia para os veciños de Gondomar. “No pleno celebrado o pasado 20 de maio, o alcalde ameazou á oposición con presentar unha modificación do Regulamento Orgánico Municipal para limitar os tempos de debate e non eternizar os tempos do pleno. Seis días despois o alcalde asina unha proposta para a súa aprobación, só coa idea de limitar a acción fiscalizadora da oposición, e incluíndo incluso un punto no cal se outorga a potestade de quitarlle a un concelleiro da Corporación o dereito ao cobro por asistencia ao pleno, asegurándose neste caso, e baixo ameaza de expulsión, que ninguén poida levarlle a contraria”.

“Que en seis días o alcalde prepare unha modificación do Regulamento Orgánico Municipal vén demostrar unha vez máis que o Sr. Ferreira goberna por impulsos e ocorrencias, preocupándose soamente de poñer atrancos á oposición á hora de fiscalizalo e sen ocuparse dos temas importantes para os veciños de Gondomar como son o PXOM, o saneamento, a aprobación duns orzamentos ou as axudas aos sectores mais afectados polo Covid”, afirma Paula Bouzós, voceira do PP de Gondomar.