Nigrán inicia o asfaltado de nove rúas de San Pedro e a posta en valor do seu cruceiro en Mallón

O Concello de Nigrán iniciou esta semana o asfaltado de nove rúas da parroquia de San Pedro de A Ramallosa por importe de 151.145 € a cargo do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra despois de agardar máis de tres anos por todas as autorizacións. Trátase de Pontillón e Ana Isabel Costas (xa listas), Pereiro (incluíu antes a dotacón de saneamento), A Igrexa, Cotros de Arriba, Altamira, Rego, Mallón-Pedreiros e Pereiras, todas eles nunhas condicións pésimas tras máis dunha década sen pavimentar, algunhas incluso dúas. As nove rúas estarán totalmente renovadas a vindeira semana tras unha longa tramitación que arrancou a finais de 2017 ao ser requiridos diversos informes sectoriais (Costas, Augas de Galicia, Patrimonio e Axencia Galega de Infraestruturas). A contorna do cruceiro de Mallón demorarase uns días máis ao substituírse o asfalto por empedrado.

“Agradecemos a paciencia dos veciños durante este tempo porque foron catro anos agardando por todos os permisos necesarios. O feito de transcorrer Igrexa e Pereiras pola traza do Camiño de Santiago Portugués pola costa e figurar outros en ámbitos de especial protección cultural (cruceiro de San Pedro, Igrexa parroquial, fonte e lavadoiro de Dona ou o xacemento arqueolóxico de Lugar da Torre) fixo que este plan de asfaltado tivese moita máis complexidade administrativa que calquera outro,”, explica o alcalde, Juan González. Así, non foi ata o 21 de outubro de 2020 cando Patrimonio deu a súa autorización coa condicionante de que o Concello incorporase ao expediente un proxecto de control arqueolóxico e de realización do mesmo, cuestión que incrementou en 20.000 € o orzamento orixinal.

Este proxecto de asfaltados da parroquia abrangue tamén a posta en valor da contorna do cruceiro de Mallón, pois levantarase o firme de asfalto que o rodea ata unha profundidade de 25 centímetros para deixar ao descuberto o chanzo inferior da súa base e ao seu redor pavimentarase con cantos de pedra delimitados por un bordo de granito gris alba, ademais, contará con iluminación ornamental. Pola súa banda, o trazo do Camiño terá que ser sometido á “Guía de boas prácticas” para salvagardar as súas características tradicionais. Finalmente, nos camiños con muros tradicionais gardarase unha franxa de 15 cm ao seu carón sen o novo pavimento. Ademais, e xusto antes de iniciarse os asfaltados, o Concello dotou de saneamento ao camiño de Pereiro, único dos nove que carecía deste servizo.

“O resultado será moi beneficioso e a contorna do cruceiro gañará moitísimo para, precisamente, por en valor este elemento e a súa praza”, sinala o alcalde, quen subliña que nos últimos seis anos lévanse investido máis de 500.000 € só para plans de pavimentación no municipio. “Sabemos que aínda existen moitos camiños onde intervir e non nos esquecemos, había unha débeda histórica coas parroquias e a estamos a saldar en tempo récord”, finaliza o rexedor.