Zona Franca ultima a modernización do sistema de vixilancia do parque empresarial de Porto do Molle

O Consorcio da Zona Franca de Vigo está a executar unha renovación e modernización do sistema de vixilancia a través de cámaras do Parque Empresarial de Porto do Molle. O delegado do Estado, David Regades, asistiu a unha reunión da comunidade de propietarios, na que lles informou de que todo o sistema estará actualizado o próximo mes de xuño e será cedido á comunidade, para que dispoña dunha rede acorde coa calidade do parque. A reunión contou tamén coa asistencia do alcalde de Nigrán, Juan González.

Co proxecto que está en marcha aumentarase a cobertura e a precisión das imaxes a través de 57 cámaras de videovixilancia, que se instalarán por todo o parque e estarán conectadas a un anel de fibra óptica e cun centro de control.

O delegado tamén puido repasar as próximas accións a acometer co presidente da comunidade, José Manuel Rouco, de Marine Instruments; vicepresidente, Pedro García-Trejo, de GTG Ingenieros; Enrique Beiro, de Inversiones Vigo Real; e Nacho de Francisco, de Fiba Catering.

David Regades destacou que “Porto do Molle é un parque empresarial de alta calidade, tal e como o demostran os seus servizos e a aposta das empresas que están alí instaladas ou en proceso, coa construción de naves á vangarda das instalacións industriais e empresariais”.

Porto do Molle segue crecendo. O Consorcio ten avanzada a construción de 14 naves polivalentes, entre 300 e 500 metros cadrados, que cobren a demanda tipo das pemes cun deseño innovador. O investimento alcanza os 6,3 millóns de euros e xa hai empresas que mostraron o seu interese.

A iso súmase que o Consorcio acaba de pechar a venda dunha parcela de 60.000 metros cadrados para un novo espazo comercial e de lecer, Nasas Nigrán. O parque de medianas contará con 30.000 metros cadrados de espazos comerciais e de lecer familiar, con máis de 1.000 prazas de aparcadoiro. Xa están comercializados boa parte dos seus locais e contará con operadores como Leroy Merlin, Eroski, McDonalds e JYSK.

O Parque Empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, do Consorcio da Zona Franca de Vigo, é un enclave tecnolóxico, baseado nun concepto de parque sostible, con 102 hectáreas acondicionadas e 120 empresas instaladas. Un espazo onde o Consorcio ofrece Centro de Negocios, Edificio Tecnolóxico Aeroespacial ou naves bioclimáticas.