O Okofen álzase coa vitoria final da Liga de Inverno Baitra J80

O Okofen de Javier de la Gándara sentenciou este sábado a Liga de Inverno Baitra J80 tras vencer na última xornada de probas e facerse coa vitoria final da competición organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de Baitra Accesorios Navales.

O veleiro liderado polo navegante vigués e tripulado polo seu fillo Jaime xunto a Iago Carrera (que substituíu na última xornada a Javier, o outro dos fillos de Gándara que competiu nas xornadas previas) e Diego Fernández, logrou os loureiros da liguiña de monotipos tras asinar 5 primeiros postos nas 8 mangas disputadas.

Na última etapa, celebrada este sábado, De la Gándara e os seus, que viñan en primeira posición desde o segundo día de probas, lograron manter os seus bos números. Cruzaron a liña de chegada por diante de toda a frota nas dúas regatas do día, celebradas unha no interior da baía de Baiona e outra na zona de Carallones, ambas as dúas cun vento do noroeste que se moveu entre os 7 e os 14 nós.

Acabou o Okofen con 10 puntos na clasificación xeral, con 6 e 16 puntos de vantaxe sobre o segundo e terceiro clasificado, demostrando unha vez máis porque é un dos mellores J80 que navegan na actualidade en Galicia.

A prata da competición foi para o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, no que esta última xornada volveu navegar o campión de España de J80, Javier Augado. Con dous segundos postos nos parciais da última xornada non logrou arrebatarlle a vitoria ao Okofen pero si manterse no segundo caixón do podio. Era outro dos favoritos e non defraudou.

O Marías do portugués Manel María, que viña terceiro da anterior xornada, logrou consolidar a posición de bronce, deixando poucas sorpresas nas primeiras posicións da Liga de Inverno Baitra J80, cun trío de ases que apenas deu tregua aos seus competidores, ocupando practicamente desde os inicios os postos máis altos da clasificación.

Entre o resto dos 19 participantes, o Cansino de Fernando Yáñez e o Maija de José Luis Pérez foron os máis destacados. Coáronse no Top 5 con 26 e 31 puntos respectivamente, a bastante distancia do resto de veleiros.

Máis abaixo na táboa, con números a partir dos 45 puntos, situáronse o Spaco de Santiago Estévez, o Due de Rafael Blanco, o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, La Galera de Miguel Fernández, o Ferralemes de Rosario García, o SDN Cormorán de Francisco Martínez, o Namasté de Luis de Mira, o Ifaclinic.com de Joao Nuno Allen, o Petrilla de Jaime Barreiro, o Luxoconf de Jean Claude Sarrade, o Miudo de Nacho Salgueiro, o Pazo de Cea de Iago Carballo, o Picacho de Yago Marquina e o Mondo de Bernardo Macedo.

Tras a disputa das últimas probas na auga, as tripulacións reuníronse en terra para participar na entrega de premios aos gañadores, que contou coa presenza do director xeral de Baitra Accesorios Navales, Juan Carlos González, patrocinador do evento. Tamén entregaron galardóns o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández, e o deputado de deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez.

A Liga de Inverno Baitra J80 é unha das dúas competicións que o Monte Real Club de Yates organiza en exclusiva, cada ano, para a frota de J80. A segunda cita será en outubro coa Liga de Outono, pero previamente os monotipos de 8 metros poderán participar tamén no Campionato Galego de A Dous (5 xuño), o Trofeo Conde de Gondomar (23, 24 e 25 de xullo) e o Trofeo Príncipe de Asturias (3, 4 e 5 de setembro).