María José Bravo elixida presidenta da Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís

María José Bravo foi elixida este sábado presidenta da Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís na Asemblea Xeral celebrada no colexio público da parroquia. Tras tatar as contas xerais, procedeuse á designación da nova directiva, que estará composta ademais por Jesús Suárez como vicepresidente e Isabel da Costa e Pilar Varela nos cargos de secretaria e tesoureira respectivamente.

María José Bravo toma a substitución de Martín Otero, que ostentaba o cargo desde 2013, e que presentou a súa dimisión xunto co secretario, Miguel Prado, e o vocal Domingo Silva. Os motivos que os levaron a tal decisión non son outros que as incompatibilidades para combinar os cargos que viñan asumindo na agrupación cos seus respectivos empregos e familias. Otero quere mostrar o seu agradecemento pola colaboración veciñal durante todos estes anos. “Foi un pracer”, comentou.

Castro e Ladeira é a asociación veciñal da parroquia máis poboada do municipio de Baiona con preto de 4.000 persoas censadas, seguida de Baíña con menos de 2.000. Antes da pandemia contaba con dous centenares de asociados pero a perda da súa sede xa en 2019 emprazada nas actuais vivendas municipais de Emerxencia Social en Doutor Benito Fariñas marcou o inicio dun estancamento e posterior declive tras estalar a crise sanitaria, o que lles obrigou a paralizar toda actividade. Coa apertura do antigo mercado reconvertido nun centro multiusos ao virar a esquina, sumado ao desbloqueo da Casa Rosa, todo apunta a que a situación se reconducirá.