Érguete organiza en Nigrán un curso de Auxiliar de servizos de limpeza

Doce persoas formaranse como Auxiliares de servizos de limpeza nun curso da Fundación Érguete-Integración. O curso enmárcase no proxecto Emprego Inclusivo, promovido pola Deputación de Pontevedra e desenvolto coa colaboración do Concello de Nigrán.

A finalidade do proxecto Emprego Inclusivo é mellorar a empregabilidade das persoas participantes, de modo que poidan incorporarse ou volver ao mercado laboral, desde un enfoque de empoderamento da persoa e o desenvolvemento das súas competencias a través de accións de capacitación técnica e prácticas non laborais en empresas.

A acción formativa Auxiliar de servizos de limpeza desenvolverase desde o mes de xuño ata agosto, cunha duración de 200 horas, capacitando aos participantes para realizar as tarefas de limpeza e mantemento de superficies e mobiliario en edificios e locais seleccionando as técnicas, útiles, produtos e máquinas para garantir a hixienización, conservación e mantemento. Inclúe un módulo de prácticas non laborais en empresas, de 80 horas.

Está aberto o prazo de selección de alumnado ata o 9 de xuño. Máis información e solicitudes de participación na Fundación Érguete-Integración, teléfonos 986 253 176 / 698 180 684 (Yolanda Gómez) ou email: funderguete@fundacionerguete.org.