Alumnos do Cova Terreña deseñan unha campaña divulgativa sobre a doazón e o transplante de órganos e tecidos

O alumnado de 6ºA do CPI de Cova Terreña estivo desenvolvendo ao longo deste curso o Plan Proxecta “Salvavidas”, da Consellería de Sanidade. Como produto final deseñaron unha campaña informativa/divulgativa sobre a doazón e o transplante de órganos e tecidos. Entre moitas actividades que fixeron neste proxecto, destaca a elaboración de carteis publicitarios, de folletos informativos e de vídeos divulgativos. Utilizando este material, e baixo o lema da súa campaña: “Doa, é doado!”, intentarán sensibilizar á xente cara a doazón.

A súa titora e coordinadora, Esperanza Paniagua, salienta a implicación destes 21 alumnos e alumnas de tan só 11/12 anos nun tema tan serio e importante. “Grazas á formación que recibiron por parte da Coordinación Autonómica de Transplantes, que incluso lles facilitou charlas con persoas tanto transplantadas como doadores, e sobre todo, grazas ao traballo en equipo que realizaron, foron quen de preparar unha campaña divulgativa e de sensibilización sobre a Doazón e os Transplantes que consideramos de relevancia social”.

O breve acto de inauguración terá lugar na Praza do Concello de Baiona o martes día 1 de xuño ás 12:00 horas, contando coa presenza de representación do colexio, do Concello, do Centro de Saúde e da Coordinación Autonómica de Transplantes. Ao seu remate, o alumnado dividirase en 3 grupos de 7 alumnos/as cada un e, acompañados polo profesorado, dirixiranse aos puntos da vila onde se situarán para continuar coa súa tarefa: Diante do Centro de Saúde, na rúa Carabela Pinta e na Praza do Concello. Neses emprazamentos están os “puntos de apoio” cos folletos informativos que elaboraron e tamén cos que lles fixeron chegar dende a Consellería de Sanidade.

A elección desta data foi consecuencia de gañar o 2º premio no “III Concurso de carteis para escolares relacionado coa doazón e o transplante”, co cartel “Doar é a bomba”, da alumna Naiara Álvarez Silva, que deberá asistir o día 2 ao acto de entrega que se celebrará en Santiago, e por tratarse do día máis próximo ao “Día Nacional del Donante de Órganos y Tejidos” que se celebra ese día 2 de xuño.

Tamén estiveron implicado no proxecto Mercedes Coto, profesora de plástica, e Santiago Otero, coordinador das Seccións Bilingües-plástica.