Baiona pecha a programación da Primavera Lila coa presentación de “Estelas da Palabra”

A Alameda da rúa Carabela Pinta acolleu o acto de presentación da instalación artística “Estelas da Palabra”, o proxecto final da programación “Primavera Lila” organizada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM). Con ela quérese incorporar no espazo público áreas de encontro; dotarlle á palabra unha voz visual que suscite respostas e reflexión sobre a linguaxe inclusiva. É o resultado do traballo colectivo feito pola artista Irene Silva en colaboración cos centros de ensino CPI de Cova Terreña e o IES 1º de Marzo dentro do proxecto “A túa palabra conta”.

O acto de presentación contou coa presenza da artista plástica baionesa, coa participación do alumnado, para unha intervención musical e a actuación da autora Alba María. Entre as persoas invitadas contouse con representantes dos distintos centros educativos e asociacións de mulleres do municipio. En 2021, a Área de igualdade de Baiona puxo o foco de atención do 8M na forza das palabras a través do proxecto da artista baionesa Irene Silva Xiráldez “A túa palabra conta”. Baixo o nome “Estelas da Palabra” hoxe materialízase o fin deste interesante proxecto nas rúas da vila.

Tamén se creou o “Muro da Palabra”, unha creación colectiva de etiquetas e palabras artísticas dirixido ao alumnado que cursa 1º da ESO dos centros educativos municipais de Cova Terreña e do Primeiro de Marzo que tivo como obxectivo aprender, sensibilizar e practicar a linguaxe inclusiva usando a palabra como elemento artístico na construción de símbolos para a igualdade; unha guía para traballar as emocións, a empatía, a confianza e o respecto; promover o valor da participación colectiva para acadar obxectivos sociais.

Entre os meses de marzo e xuño a artista coordinou e dirixiu diferentes obradoiros artísticos en cada uns destes centros escolares municipais para que alumnado elaborase o material que dotou de contido o “Muro da Palabra”. Ademais deste interesante proxecto dentro da programación “Primavera Lila”, desenvolvéronse ao longo do ano diversas actividades cuxo obxectivo xeral é promover a consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes no ámbito escolar e cultural e previr a violencia de xénero.

O proxecto promovido a través da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona é financiado cos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero do ano 2020 e é o resultado dos obradoiros levados a cabo por Irene Silva co alumando dos centros de ensino CPI de Cova Terreña e o IES 1º de Marzo.