As estafas online con tarxetas aumentaron un 114 % en toda a provincia

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante os primeiros cinco meses do ano.

Os responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado compartiron coa subdelegada do Goberno os datos de infraccións penais rexistrados na provincia do 1 de xaneiro ata o 27 de maio de 2021. Uns datos que arroxan, a nivel provincial e se os comparamos co mesmo período do ano anterior, unha caída significativa dos roubos en vivendas (-19 %), en establecementos (- 60 %) e demais roubos con forza (- 47 %). Ademais, os delitos contra o patrimonio –furtos, subtracción de vehículos e subtraccións en vehículos– reducíronse nun 5,5 %. As lesións baixaron, así mesmo, un 8 %; non así os casos de maltrato, que aumentaron nun 9,5 %.

A subdelegada sinalou tamén o lixeiro aumentos dos delitos contra a liberdade sexual. Durante os primeiros cinco meses de 2021 rexistráronse 5 agresións, fronte ás 3 denunciadas no ano 2020. Neste sentido, Larriba apuntou que “o ano pasado vivimos un confinamento estrito de case dous meses que explica a repunta deste e outro tipo de delitos”.

Cabe destacar tamén o aumento das estafas con tarxetas de crédito en toda a provincia, que creceron nun 114 % con respecto ao mesmo período do ano 2020. A subdelegada sinalou que “este tipo de delitos dáse xa en todo o territorio, tanto en núcleos urbanos como no rural” e alertou da “necesidade de que a cidadanía tome conciencia da importancia de tomar todas as medidas de seguridade posibles á hora de realizar compras por Internet. Debemos ser moi cautos”. A este respecto, Larriba quixo trasladar á veciñanza as recomendacións máis habituais que realizan as Forzas e Corpos de Seguridade. “É moi importante ter en conta que non se deben facilitar nunca os datos persoais e bancarios en resposta a correos electrónicos, chamadas ou mensaxes. Ademais, á hora de realizar compras en Internet é importante comprobar que o facemos a través dunha web segura –o seu enderezo debe comezar por https ou ben aparecer cun candadiño–“, explicou.

Os mandos policiais informaron á subdelegada do alto grao de especialización da ciberdelincuencia na actualidade, capaz xa de replicar páxinas de venta en liña, roubar datos de ditas páxinas e comercializar cos mesmos. Por iso, recalcaron á importancia de ser precavidos á hora de facer as nosas compras en Internet.

Por último, a subdelegada indicou que a taxa de esclarecemento de delitos na provincia experimentou un crecemento interanual dun 13 %, “un dato que evidencia o bo facer e o arduo traballo das Forzas e Corpos de Seguridade”.