A Cátedra de Hidroloxía reúne no Talaso Atlántico a sanitarios, docentes e pacientes

Talaso Atlántico organiza o próximo 4 de xuño, con motivo dos actos do Día Mundial do Sobrevivente de Cancro (que este ano se conmemora o 6 de xuño) unha xornada da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela e Balnearios de Galicia sobre “O coidado do paciente oncolóxico na contorna termal”. O encontro será inaugurado pola directora de Turismo, Nava Castro.

Na xornada intervirán Manuel Constenla, xefe do Servizo de Oncoloxía do CHU de Pontevedra, Montecelo; Salvador Ramos, director médico do centro de talasoterapia Talaso Atlántico; Eduardo Ortega Rincón, catedrático de Fisioloxía da Universidade de Estremadura; Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía USC-Balnearios de Galicia; Lourdes Vázquez Odériz, catedrática de Nutrición e Bromotoloxía da USC ou Teresa Pacheco, directora da revista Tribuna Termal, entre outros especialistas.

Entre os asuntos para tratar, a xornada exporá a cura balnearia e o seu efecto inmunomodulador ou os centros termais como modelo para crear un “terceiro espazo” dentro da atención integral ás persoas afectadas con cancro. En España, a supervivencia do cancro está entre o 55,5 por cento no caso dos homes e no 67,7 por cento no das mulleres (fonte: Redecan). O encontro servirá para medir a actual situación dos sobreviventes a esta enfermidade como novo reto asistencial do sistema sanitario español.