Anuncios
Ticker de novas

Baiona inicia a instalación dos novos colectores de lixo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Un dos novos colectores de carga lateral.

O Concello de Baiona iniciou estes días a instalación de 85 novos colectores de carga lateral, con maior capacidade e mellores prestacións, co obxectivo de renovar o seu servizo de recollida de residuos sólidos urbanos.

A empresa galega Formato Verde foi a encargada da fabricación dos novos colectores que se están instalando nas rúas de Baiona, ademais de 20 centradores, o que permitirá a retirada de 300 colectores actuais. A aposta do goberno local na procura da mellora do servizo permitiu destinar a este fin fondos do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra.

Os novos colectores teñen unha capacidade moi superior aos actuais. Así, 65 son de 3.200 litros cada un e os outros 20, de 1.800 litros, o que permitirá reducir a superficie ocupada na vía pública para conseguir rúas máis transitables e diminuír a altura co fin de reducir as barreiras visuais.

Ademais, os colectores son de última xeración e están fabricados en polietileno, o que facilita a súa limpeza e prolonga a súa duración. Unha das principais características das unidades é que son herméticos, polo que se reducen considerablemente as molestias ocasionadas polos olores.

De forma paralela, os concellos de Baiona e Nigrán acordarán no marco da Mancomunidade do Val Miñor a utilización dun camión de carga lateral durante o presente ano e a espera da entrega do novo vehículo municipal que actualmente está en fase de adxudicación.

Anuncios