A Deputación de Pontevedra iluminará o Pazo Provincial hoxe domingo por mor do Día da Artrite

FOTO: WIKIPEDIA

O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra iluminarase de verde hoxe domingo 1 de outubro, Día Nacional da Artrite, co obxectivo de lles dar visibilidade e en solidariedade con todas as persoas que padecen algún tipo de doenza deste tipo (artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil e espondiloartrite). O inicio do alumeado terá lugar ás 21:00 horas e durará ata a primeira hora da mañá do luns 2 de outubro.

A Presidenta provincial, Carmela Silva, asegurou que “con este feito simbólico queremos amosar unha vez máis o compromiso do noso Goberno con todas as persoas, e especialmente coas máis vulnerables”. Carmela Silva lembrou que “na provincia de Pontevedra detéctanse arredor de 1.000 novos casos de artrite cada ano e son máis de 7.000 as persoas que a padecen. Ademais, estamos a falar dunha doenza que afecta especialmente ás mulleres, que representan arredor dun 70% de todos os casos”. A nivel galego e estatal, a artrite afecta a 30.000 e 300.000 persoas, respectivamente e, no conxunto do Estado, as persoas con algún tipo de artrite correspóndense con preto do 1% de toda a poboación.

A través desta iluminación simbólica, a institución provincial únese a unha das iniciativas que se están a desenvolver ao longo de todo o territorio estatal baixo o paraugas da Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis) dentro da súa campaña “Outubro, mes da artrite e a espondiloartrite” e cuxo lema este ano é “Contigo imos todas e todos” coa finalidade de informar e concienciar sobre a realidade das persoas que teñen estas doenzas en calquera das súas formas. Ademais do alumeado de edificios singulares como o Pazo provincial, tamén se están levando a cabo a XIII Xornada Nacional de Artrite en diversas cidades estatais (no caso da provincia de Pontevedra, en Vigo o día 21) e distintas mesas informativas máis unha xornada-coloquio ao abeiro desta campaña que a Sociedade Española de Reumatoloxía ten declarado como de interese social.

Carmela Silva lembrou que “non podemos deixar de falar da realidade deste grupo de persoas porque é unha realidade que precisa de altofalantes que fagan chegar a súa mensaxe”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que “neste día temos que amosar todas e todos a nosa cara máis solidaria e lembrar que temos que loitar por que todas as persoas da nosa provincia poidan vivir coas máximas garantías e sen que en ningún momento se vulneren os seus dereitos por mor das súas circunstancias persoais”. Así, avogou por que “as Administracións competentes dediquen os recursos suficientes para a investigación e para a atención”, polo que reclamou “que se impliquen e que o fagan dunha maneira evidente para que as promesas e os compromisos non queden en papel mollado”.