A Xunta sela con Gondomar e Baiona os acordos para investir 3,25 millóns na reducción do risco de inundacións

A Xunta selou hoxe cos Concellos de Gondomar e de Baiona os acordos para investir 3,25 millóns de euros na redución do risco de inundacións nestes dous municipios e pídelle ao Concello de Vigo que recapacite e coopere co Goberno galego asinando o convenio correspondente para minimizar o risco e as consecuencias das inundacións no río Lagares.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, rubricou esta mañá cos alcaldes de Gondomar, Francisco Ferreira, e de Baiona, Carlos Gómez, os respectivos acordos de colaboración para impulsar as obras necesarias para minimizar o impacto das inundacións en ambos os dous municipios.

Estes convenios xorden dunha planificación completa e ambiciosa realizada desde a Xunta para actuar na protección da poboación e do territorio fronte ao risco de asolagamentos nos leitos dos ríos Miñor e Zamáns, en Gondomar, e no río Groba, nas proximidades da súa desembocadura, no caso de Baiona, que presentan un historial de inundacións frecuentes.

Segundo os acordos asinados, a Xunta asume o custo das obras das actuacións necesarias para minimizar o risco de inundacións en Gondomar e en Baiona, que suman un investimento conxunto de 3,25 M€, así como a contratación e a execución dos traballos.

Pola súa banda, os Concellos comprométense a poñer á disposición os terreos necesarios, tal e como establecen os convenios de colaboración destas características en todas as confederacións hidrográficas, de acordo á instrución do propio Ministerio para a Transición Ecolóxica. Tamén asumen a obriga de conseguir as autorizacións necesarias para a execución dos traballos, de recibir as obras unha vez finalizadas e comprométense ao seu mantemento e conservación.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade concretou que en Baiona se vai actuar no lugar de Sabarís para mellorar a drenaxe do camiño das Monxas e do camiño de Pouquena e da súa contorna coa fin de evitar as frecuentes inundacións que se producen cando coincide a preamar con fortes precipitacións. A rede de drenaxe destes dous camiños desemboca na Foz do Miñor.

Para tratar de paliar os asolagamentos nestes puntos, a Xunta actuará na rede de pluviais, mellorando a súa capacidade de desaugue. A nova rede quedará formada por catro colectores principais que terán unha lonxitude próxima aos 700 metros. Na desembocadura deses dous colectores na Foz de Miñor executaranse 4 obras de saída para os puntos de vertedura equipadas con clapetas, que eviten a entrada da auga cara á rede coa preamar. O treito de tubaxe que non quede cuberto polo terreo protexerase da acción mariña cun dique. Estas actuacións suporán un investimento da Xunta de 600.000 euros e contan cun prazo de execución de 5 meses.

En Gondomar actuarase para minimizar o risco de asolagamentos na área de risco potencial significativo de inundacións que afecta ao núcleo urbano, na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns. Trátase de actuacións estruturais no treito do río Miñor, desde a ponte da avenida do Conde de Gondomar -augas arriba do antigo colexio- e a ponte da avenida Curros Enríquez; e no treito do río Zamáns, desde a ponte da avenida Elduayen ata a súa desembocadura no río. Ethel Vázquez precisou, que ao igual que no caso de Baiona, a Xunta contratará e levará a cabo as obras, que suporán un investimento de 2,65 M€ e contan cun pazo de execución de 12 meses.

A conselleira destacou o compromiso dos concellos de Gondomar e de Baiona coa Xunta para levar adiante as actuacións para reducir o risco de inundacións nos seus municipios, “protexendo mellor á poboación, ao territorio e ao medio ambiente fronte aos seus efectos, máis tendo en conta o contexto de cambio climático”, remarcou.

Neste sentido pediu axilidade na tramitación municipal necesaria para licitar as obras: na información pública e na posta a disposición dos terreos. Así, se os Concellos son dilixentes nestas xestións, segundo detallou Ethel Vázquez, a Xunta poderá licitar as obras este verán para inicialas no 1º trimestre de 2022. A celeridade nas xestións municipais é importante xa que estas actuacións son cofinanciadas con Fondos FEDER 2014-2020, polo que deben estar rematadas en 2023.

Un exemplo para Vigo

Ethel Vázquez lamentou que a disposición demostrada polos alcaldes de Gondomar e de Baiona para asinar estes convenios e colaborar coa Xunta non se teña atopado tamén no caso do Concello de Vigo.

A conselleira reiterou a disposición da Xunta para investir 6,8M€ para reducir o risco de inundacións no río Lagares, que presenta problemas derivados fundamentalmente dun desenvolvemento urbanístico erróneo en relación co río, pese á oposición frontal a colaborar do Concello de Vigo.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade agarda que o alcalde de Vigo recapacite e se sume ao camiño da cooperación, como fixeron hoxe Gondomar e Baiona, “evitando que moitas familias e empresas vivan en tensión constante polo temor a sufrir, novamente, as consecuencias das enchentes”, concluíu.