Nigrán abre o prazo de inscrición da XI edición da Travesía a nado Costa Serena

Nigrán abrirá o vindeiro venres 28 de maio o prazo de inscrición da XI edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que se celebrará o 4 de xullo en Praia América se a situación sanitaria permíteo.

As inscricións poderán realizarse ata o 24 de xuño ás 12:00 da mañá a través da páxina web de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com) e, de forma presencial, na tenda Boyer Triathlon Vigo (R/Manuel de Castro, 12) onde se poderá conseguir un 15% de desconto na compra de material de natación. O regulamento, o protocolo sanitario e a información da travesía están dispoñibles na páxina web www.travesiaanadocostaserena.es.

Debido á crise pola Covid-19, a organización tivo que realizar unha serie de cambios para adaptarse ás esixencias sanitarias co obxectivo de garantir a máxima seguridade dos participantes tal e como ocorreu o ano pasado cun gran éxito. Entre as medidas que se implantarán para evitar calquera contaxio figura a limitación de aforo en todos os percorridos, as saídas graduadas, a obrigatoriedade do uso da máscara ata antes da saída, meta e a entrega de trofeos, a toma de temperatura a todos os participantes e a delimitación de Praia América con estacas e cintas para manter a distancia social entre os nadadores e o público asistente, entre outras medidas.

Percorridos

Durante a travesía disputaranse tres probas de 4.000, 2.700 e 800 metros con saídas graduadas de 10 nadadores cada minuto. Os tres percorridos serán cronometrados por chip electrónico. O percorrido longo, que estará limitado a 200 prazas, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido de 2.700 metros, cun máximo de 110 prazas, terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistirá en ir ata a baliza de Cabezo de San Juan, bordeala e regresar ao momento de meta polo lado dereito.

Na proba de 800 metros, tamén cun máximo de 100 prazas que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

A competición de 800 metros comezará ás 10:00 horas, a de 2.700 metros ás 10:20 horas, mentres que a de 4.000 metros arrancará ás 11:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, e haberá embarcacións de Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Búsqueda y Salvamento Ría de Vigo, Garda Civil do Mar, kaiaks do Club Marítimo de Panxón, pádel surf de Wetsport Ladeira e motos acuáticas seguindo a proba.

Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos de entre 5 e 13 anos, moi preto da beira. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e outro de 150 metros (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:20 horas (150 metros), respectivamente. Este ano, os percorridos infantís estarán limitados a un máximo de 25 nenos por cada proba.

Novos premios na proba de 4.000 metros

Nas probas de 800 e 2.700 metros, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba de 4.000 metros tamén se entregarán aos tres primeiros clasificados de cada categoría e como novidade daranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina sen neopreno. Ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba raíña.

Este ano, tamén se entregarán premios especiais ao primeiro nigranés e nigranesa, que deberán estar censados no Concello no momento da inscrición. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla e unhas lentes da marca Zoggs. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

Inscricións

As inscricións poderán realizarse desde o 28 de maio ás 10:00 horas ata o 24 de xuño ás 12 da mañá. O prezo da inscrición da proba de 4.000 metros é de 25 euros, 23 euros a de 2.700 metros e 19 euros a de 800 metros. As probas dos nenos teñen un custo de 10 euros. A inscrición inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, cronometraxe electrónica, avituallamento, seguros, asistencia médica, trofeo para os tres primeiros clasificados absolutos das tres probas, medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba de 4.000 metros, máscara, medidas hixiénico-sanitarias (xeles hidroalcohólicos), reportaxe fotográfica, un xeado, aperitivo no Club Marítimo de Panxón e participación no sorteo de material deportivo. Os nenos recibirán unha medalla e unhas lentes Zoggs.

A Travesía a nado Costa Serena, organizada polo Club deportivo Tumetapersonal, Atlantic Extreme Sports e o Concello de Nigrán, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca, o concesionario Renault Rodosa, Gadis, Centro Comercial de A Ramallosa e Atunlo. Tamén colaboran Powerade, Frutas Sol, Arena, Club Marítimo de Panxón, Zoggs, Froiz, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Valmiñor Ébano, McDonald’s Rías Baixas, Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Búsqueda y Salvamento Ría de Vigo, Asociación Vodea, Waira, Kailúa, Boyer Triathlon Vigo, Ángel Leirós Motos, Talaso Atlántico, Grupo Lams, Comunica e Clubnatacion.com, entre outros.