Arnal: “O padal é o que manda na cantidade de auga de mar que se debe beber”

O I Foro Internacional da Auga de Mar e as Algas Mariñas (FIAMAM) arrancou esta tarde co relatorio de Salvador Ramos, director médico de Talaso Atlántico, que defendeu os centros termais como o terceiro espazo de saúde para enfermos crónicos, converténdose en lugares que complementen os coidados do hospital e os do fogar do paciente. O director de Talaso Atlántico explicou que a “cura termal mariña é un procedemento terapéutico pouco agresivo e útil para persoas afectadas por diferentes patoloxías crónicas que predominan na nosa sociedade actual e como complemento de tratamentos habituais”. “A talasoterapia é a gran descoñecida do noso país a pesar da súa gran superficie costeira”, sinalou Ramos, quen lamentou que outros países veciños si a valoran como é o caso de Francia, Reino Unido ou Tunes.

Esta tarde o Foro tamén contou con Mariano Arnal, vicepresidente da Fundación Aqua Maris, organización pioneira en defender o uso de auga de mar vía oral. Arnal contou que “o padal é o que manda na cantidade de auga de mar que cada un debe tomar. No meu caso, bebo ao día un litro de auga isotónica, metade auga de mar e metade, auga doce”. Sobre os beneficios de beber diariamente auga de mar, Arnal afirmou que “o organismo é capaz de fabricar millóns de substancias pero ningunha delas son minerais. E é na auga de mar o único sitio onde se atopa toda a táboa periódica”. Arnal subliñou tamén que tomar auga de mar é o remedio base para evitar moitos problemas e para ter unha nutrición correcta”. Así mesmo, explicou tamén a experiencia á que se someteu despois de pasarse durante unha semana vivindo só a base de auga de mar no que se denominou a semana do náufrago. Realizouse co fin de probar que ao contrario do que se cría, que unha persoa que sufría un naufraxio só podía vivir tres días, con aquel experimento determinouse que o organismo podía resistir, polo menos, sete días alimentándose tan só de auga de mar.

Rosa Meijide, catedrática da Universidade da Coruña e segunda muller académica da Real Academia de Medicina de Galicia, foi outra das expertas que falaron esta tarde no Foro para defender os efectos da auga de mar sobre a pel para tratar a dermatite atópica e a psoriais.

O Foro continuará mañá coa presenza de varios expertos internacionais en talasoterapia. Analizará o caso francés, exemplo e referente da talasoterapia mundial, ou a experiencia de terapia respiratoria en Remini Terme, Italia, a cargo do seu director médico, Franco Lamacchia. En canto a algas, o profesor Leonel Pereira, da Universidade de Coimbra, explicará mañá a importancia de incluír estes produtos na alimentación, e Lourdes Mourelle, presidenta da Asociación Iberoamericana de Peloides Termais e investigadora de Física Aplicada da Universidade de Vigo, explicará as propiedades farmacolóxicas e dermocosméticas das algas.

O foro concluirá con dous obradoiros, un de hidroconesiterapia en piscina de auga de mar e outro de cociña de algas mariñas.

O encontro conta tamén cun espazo de innovación onde se mostrarán produtos que foron fabricados con auga de mar ou algas mariñas, como é o caso de Algamar, empresa de comercialización de algas mariñas para o seu uso alimentario; Aqua Maris, organización especializada en temas mariños; Just the sea; plataforma dixital de produtos inspirados ou respectuosos co mar; Cholita Corme, fabricantes de bolsas con redes recicladas; Panadería Divina, que elabora pan con auga de mar ou La espiral verde que comercializa cosmética mariña.

O I Foro Internacional da Auga de Mar e as Algas Mariñas está organizado por Talaso Atlántico, a Asociación Iberoamericana de Peloides Termais, a Facultade de Ciencias de Mar da Universidade de Vigo e a Sociedade Científico-Técnico Galega de Talasoterapia. Colaboran empresas e entidades como Algamar, Laboratorios Quinton, e a Sociedade Española de Talasoterapia.

Anuncios