Obradoiro de cerámica castrexa e visita da muralista Lula Goce no IES Val Miñor

Os Departamentos de Educación Plástica e Equipo de Dinamización en Lingua Galega do IES Val Miñor organizaron no mes de maio dúas actividades con diferentes enfoques. No día de hoxe desfrutamos dun Obradoiro de Cerámica Castrexa da man de Sandra Obarrio, da Fundación Terra Termarum de Cuntis, e o día 12 tiveron unha conferencia con Lula Goce na que se reencontrou co seu antigo profesor de galego, Bieito, que falou dunha viaxe de estudos a Salamanca que lle abriu novos horizontes.

Obradoiro de Cerámica

Organizouse para o alumnado de 4º da ESO unha clase práctica de cerámica seguindo as técnicas da Idade do Ferro. Sandra Obarrio reproduce no seu taller réplicas idénticas aos achados dos xacementos castrexos. De feito, moitas das súas pezas están expostas en museos e salas de interpretación. Partindo dun pequeno anaco pode reproducir o volume completo da peza, polo que pódese observar a beleza do traballo en cerámica orixinal.

“Trouxo barro de Buño e fomos seguindo as súas instrucións ata completar unha pequena obra por alumno. Logo, cos cuños en buxo que nos proporcionou, decoramos ao estilo da Idade de Ferro. Algúns optaron polas incisións, outros por fendas, cunchas,… Todo acompañado dunha explicación detallada de como traballaban daquela o barro e a técnica de cocción en terra, as cores finais despois da mesma”, comenta Mª José Novoa, Coordinadora do EDLG do IES Val Miñor.

“Trouxo pezas de diferentes castros: a xerra estilo Toralla, gravados do Tegra, … O traballo de documentación que está a facer das diferentes decoracións ao longo da nosa xeografía é impagable. Contounos que as pezas que se puñan ao lume carecían de relevos porque era sinxelo que escachasen, pero logo outras estaban profusamente decoradas. Cando máis importante era o valor do que contiñan, máis fermosa era”, engade Novoa.

Agora os traballos pasarán a fornada no seu taller e ao finalizar o curso os rapaces terán a súa réplica castrexa de volta.

Conferencia de Lula Loce: a nosa muralista máis internacional

Lula naceu en Baiona, medrou e estudou administrativo. Ela defínese coma unha alumna non moi estudosa, pero o seu profesor Bieito fixo un recordo dela con moito sentimento e cunha visión máis atenta do que el xa percibía nela. Leva feitos uns corenta murais, algún de 14 plantas de altura. Tamén traballa noutros formatos coma o óleo. Sabe que este é o seu momento e que, nun futuro, os murais sexan máis complicados de afrontar. Falou do risco de estaren subida a unha grúa, do vento, as avarías, os rescates dos bombeiros,…

O emprego das cores é un sinal de identidade desta artista. Os elementos que poderían ser máis cotiáns, ou que nos remiten á realidade adoita pintalos en branco e negro. Falou de coma fai os grises tal e coma lle ensinara a nosa profesora Liliana hai moitos anos, partindo doutras cores e sen usar o negro. Outra referencia daquela época de xuventude foi a asistencia ás clases do estudo particular de E. L. Vázquez tiña en Baiona, “Taller del Sur”.

Lula leva participado en moitos festivais de arte urbano e dende o 2018 a súa carreira despega internacionalmente. “Contounos que non sabe que tecla adecuada tocou para que esa proxección despegase pero observamos atentos coma nos conta que o famoso mural da nena do Bronx foi feito sen custo porque era coñecedora que iso lle abría o mercado americano”, recorda a Coordinadora do Coordinadora do EDLG do IES Val Miñor.

“Veu ao noso centro, o IES Val Miñor, chegando de Miami. A finais do ano pasado recibiu a encarga da ONU para decorar a fachada da Biblioteca Nacional de Bélxica. Informounos da longa lista de destinos pendentes para esta tempada a nivel internacional”, conclúe Mª José Novoa.