Nigrán non permitirá facer fogueiras na praia pero si as de carácter familiar ou veciñal

O Concello de Nigrán abre o prazo ata o 13 de xuño inclusive para solicitar autorización para facer unha fogueira en San Xoán. As persoas físicas ou xurídicas deben dirixirse ao Rexistro Xeral do Concello ou Sede Electrónica, onde farán constar na solicitude o lugar elixido para facela, así como nome e datos dos responsables da mesma (os solicitantes serán responsables dos danos que puideran ocasionar a terceiros.). Cómpre destacar que a posibilidade final de facer a fogueira está suxeita á posible normativa que xurda, incluíndo a relativa ao Covid-19 (o ano pasado finalmente a Xunta non autorizou ningunha, aínda estando autorizadas previamente polos concellos).

O Concello de Nigrán vén de ditar un bando onde fai constar todos os aspectos que se deben ter en conta á hora de confeccionar a fogueira. Este inclúe as seguintes directrices:

-O material inflamable da fogueira deberá estar amontoado cun día de antelación á súa queima, para poder levar a cabo a súa revisión.

-O volume do material combustible da fogueira non superará os 5 metros de diámetro nin os 3 metros de altura.

-A separación entre as fogueiras e os edificios, árbores e demais obxectos que poidan resultar danados, será como mínimo de 12 metros. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non haxa almacenados produtos inflamables nin zonas forestais.

– Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, aceites, etc., e en xeral calquera outra substancia que desprenda fumes tóxicos; así mesmo coidarase de non botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays) aínda que estean baleiros.

– Ao finalizar a fogueira e, antes de abandonar o lugar desta, os/as responsables da organización coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas.

Fogueiras na Praia

O goberno local considera que, polo momento, non se reúnen as condicións sanitarias que permitan devolver a celebración á praia de Panxón, non así as fogueiras de carácter familiar ou veciñal.

“Estamos nunha situación moito mellor que no 2020 pero todo indica que, desafortunadamente, aínda non é razoable nin seguro volver a festexar o San Xoán en Panxón como antes do Covid-19, cando se xuntaban miles de persoas”, sinala o alcalde, quen si estima que nesta ocasión se poderán facer na intimidade familiar ou veciñal. “O ano pasado, finalmente, a Xunta non autorizou ningún tipo de fogueira, desde o Concello consideramos que actualmente as dos veciños nas súas casas ou das entidades veciñais si son seguras, pero acataremos sempre o que digan as autoridades sanitarias”, subliña o rexedor.