O BNG celebra que o proxecto da rúa Manuel Lemos se formule seguindo os parámetros da súa proposta

O Bloque Nacionalista Galego de Nigrán celebra que o proxecto de rexeneración da rúa Manuel Lemos formule a actuación seguindo as liñas do que xa no pasado febreiro reclamaba esta formación, cando criticaron que a Xunta de Galicia rexeitase a emenda que realizaron aos orzamentos autonómicos para que esta dotase unha partida para acometela en colaboración co Concello. “Xa entón explicitamos a nosa proposta para eliminar o aparcamento no tramo urbano da rúa como único xeito posible de acometer a transformación da travesía da Ramallosa ampliando as beirarrúas”, recorda Xavier Rodríguez.

“Tal formulación mereceu as críticas do PP local, que agora estamos esperando que se pronuncie tamén ao respecto do proxecto anunciado, pese a que nós incluíamos unha condición paralela ao seu desenvolvemento, a apertura do aparcamento situado á beira da piscina mancomunada, que o adxudicatario mantén pechado ante a pasividade do goberno municipal”, lamenta o responsable local do BNG.

De todos os xeitos, os nacionalistas advirten aos veciños que este anuncio non é máis ca fume, ao non ser o Concello o titular da estrada, senón a administración autonómica, e carecer de competencias para actuar sobre ela. “De aí que o BNG presentase a emenda aos orzamentos da Xunta e que reclamemos un convenio de colaboración entre as dúas administracións para acometer a obra. Todo o que non sexa a redacción e proposta formal do correspondente convenio tan só reflicte a intención do alcalde de seguir facendo propaganda con actuacións que non ten pensado executar”.

“A maiores manifestamos a nosa absoluta oposición a que esta intervención tan necesaria sexa afrontada exclusivamente con fondos propios, tendo que destinar máis dun millón de euros a unha vía cuxa responsabilidade é da Xunta de Galicia”, conclúe Xavier Rodríguez.