O proxecto da biblioteca de Baiona, finalista na Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo

A XV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) presentou os primeiros resultados da convocatoria “Panorama de Obras de Arquitectura e Urbanismo”, que premiará o máis relevante da arquitectura e o urbanismo dos últimos tres anos (de 2018-2020) cunha selección de 20 proxectos.

Entre as 581 propostas presentadas, 100 proxectos resultaron Seleccionados e 70 foron elixidos Finalistas para unha cita cultural convocada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a través da Dirección Xeral de Axenda Urbana e Arquitectura en colaboración co Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) e a Fundación Arquia, que se celebra este verán de maneira paralela nunha dobre sede -do 28 de xuño ao 16 de setembro no Pavillón de Barcelona, e do 2 de xullo ao 23 de setembro no Patio Herreriano de Valladolid- e cun obxectivo: servir de punto de encontro entre a cidadanía, a arquitectura e o urbanismo e reivindicar o valor social de ambas as dúas disciplinas.

Entre os 70 Finalistas está o proxecto de rehabilitación do edificio Sancti Spiritus, que acolle a Biblioteca Municipal e o Arquivo Histórico de Baiona, dos arquitectos Clara Murado e Juan Elvira (Murado & Elvira Arquitectos). O resultado do mesmo para o edificio é unha harmonización de elementos e materiais. A unión dos distintos espazos e engadidos construídos ao longo de séculos, así como dotar ao edificio da máxima funcionalidade, eliminando barreiras arquitectónicas e dando protagonismo tanto ás escaleiras como ao patio interior.

Un dos principais obxectivos foi recuperar as relacións entre os distintos volumes que compoñen actualmente este conxunto arquitectónico, froito de ir agregando estruturas ao longo da historia. Para restablecer a harmonía liberáronse os interiores reorganizándoos de maneira que non se perda espazo. Tamén foi necesaria a renovación da estrutura arquitectónica existente co fin de recuperar novos espazos adaptados ás necesidades dunha biblioteca dos nosos días. Desde un principio, o proxecto apostou por materiais reciclables e de escaso impacto para o medio ambiente e para a estética de edificio en xeral. Tamén se buscou unha distinción, sen causar impacto visual entre as novas actuacións e as anteriores.

Elixidas segundo criterios de calidade, pertinencia, vocación social e cultural ou innovación, as obras Seleccionadas e Finalistas desta convocatoria reflicten, en palabras do equipo de comisarios -Óscar Miguel Ares, Anna Bach e Eugeni Bach-, “non só o excelente traballo arquitectónico, paisaxístico e urbanístico dun gran número de profesionais, senón tamén o estado actual da arquitectura no noso país”.