Nigrán facilita a fibra óptica a 460 fogares grazas ao acordo con Rede Aberta

A instalación de fibra óptica neutra vai a velocidade ultrarrápida en Nigrán. O acordo asinado hai menos de dous meses entre o Concello de Nigrán e Rede Aberta para despregala en todas aquelas zonas onde non está previsto que chegue ningunha teleoperadora beneficia xa a 461 fogares. En Concreto, xa están conectadas 331 vivendas de Priegue (Mámoa e Navás) e 130 de diferentes puntos do municipio (rúa dos Pazos, Camiño Vello, Camiño das Angustias, Camiño Pedregal, Avenida do Val Miñor e rúa Fonte do Ouro). Os traballos continuarán ata acadar o 100 % do territorio e se centran actualmente en Panxón (Otero Pedrayo, Quinteiro, Lousas, Pardiñeiro e Touza, entre outros).

Esta iniciativa municipal, practicamente pioneira na provincia, conseguiuse tras chegar a un acordo coa empresa galega Rede Aberta, a quen se lle permite o uso compartido da liña eléctrica e a instalación dun nodo de distribución no parking municipal da Ramallosa a cambio de cubrir o 100% do territorio. Isto implica o beneficio adicional de reducir obras innecesarias e redundantes, minimizar o impacto ambiental e acelerar o procedemento para a conexión de unidades inmobiliarias.

“O compromiso é que non quede ningunha vivenda sen fibra neste ano, é unha medida pioneira que un Concello asuma o seu despregue e o facemos porque sabemos que hoxe en día é un servizo básico”, resume o alcalde, Juan González. Adicionalmente, o concelleiro Diego García Moreira tamén continúa negociando coas teleoperadoras para que cumpran coas previsións, conseguindo finalmente que Movistar dea servizo xa na rúa Canido, Volta do Médico e parte de Camiño Vello. “Estas iniciativas situarán a Nigrán no 2023 como un dos municipios con mellor cobertura de todo o Estado”, indica.

Cómpre destacar que a inicios de ano o Concello de Nigrán acadou que o programa “UNICO-Banda Ancha” do goberno central para subvencionar ás teleoperadoras instaladoras de fibra óptica incluíse 822 vivendas do municipio non contempladas inicialmente (esta resolución beneficiou, concretamente, a núcleos urbanos de A Ramallosa, Nigrán e Praia América que paradoxalmente quedaran sen cobertura pese a ter fibra en toda a súa contorna e actualmente están xa despregados ou en fase de activación).Todo isto súmase ao labor de mediación que leva facendo o Concello de Nigrán entre a veciñanza con problemas de conexión, conseguindo na maioría dos casos resolver o problema ou realizar unha acción coordinada para que ningún veciño quede sen fibra.