O baionés Jaime Estévez, primeiro premio no Concurso de Música de Cámara “Ciudad de Ávila”

Jaime Estévez, primeiro á esquerda, xunto o resto de compoñentes de Lítore Quartet.

O pasado sábado 8 de maio celebrouse no Auditorio Lienzo Norte de Ávila a XI edición do Concurso de Música de Cámara “Ciudad de Ávila”. É un concurso dirixido aos estudantes de música, dividido en dúas categorías, unha Categoría A para estudantes de Ensinos Profesionais, e outra Categoría B dirixida a estudantes de Ensinos Superiores e Posgrao, aberto a todo o territorio Nacional e mesmo a estudantes españois que realizan os seus estudos en Conservatorios ou Escolas da UE.

O primeiro premio da Categoría B foi para Lítore Quartet, do Conservatorio Superior das Illes Balears, formado polo baionés Jaime Estévez Moreira (Saxo Soprano), Sira Pellicer Faus (Saxo Alto), Hugo Lomba Fernández (Saxo Tenor) e Miquel Flores I Mula (Saxo Tenor). Interpretaron o movemento III Finale, Allegro moderato, Piu mosso Quatuor Op. 109 de A. Glazunov e Der Blutige Schaffner de R. Hoffmann. Este galardón permitiralles realizar unha xira de concertos dentro do circuíto de música de “Juventudes Musicales de España”, unha das entidades de maior prestixio no terreo musical do Estado.

Jaime Estévez comezou a súa carreira musical na Agrupación Musical de Belesar e terminou os seus estudos profesionais no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, onde foi galardoado co Premio de Ensinanzas Artísticas Profesionais a Nivel Autonómico (2019). Foi premiado en numerosas ocasións, entre as que destacan o Primeiro Premio na categoría xuvenil do concurso Vítor Santos (Palmela, Portugal) e o primeiro premio na autonomía de Galicia do concurso Intercentros Melómano (2018).

Actuou tamén como solista xunto á orquestra Real Filharmonía de Galicia e a Banda Sinfónica de Galicia, nesta última despois de ser premiado no concurso Proxectando Sons. Participa en varios encontros da Banda de Federación de Bandas Populares de Galicia, nos que é dirixido por Jan Cober e Javier Viceiro. Tamén colabora en diversos proxectos coa Joven Orquesta 430 de Vigo. Na actualidade cursa os seus estudos superiores de música no Conservatori Superior de lles Illes Balears (CSMIB) baixo a tutela de Beatriz Tirado e Tomás Alonso.

Lítore Quartet nace en 2019 baixo a tutela de Beatriz Tirado no Conservatori Superior de Música de lles Illes Balears (CSMIB). Céntrase no estudo e a difusión do repertorio para cuarteto de saxofóns, que inclúe desde transcricións ata a música de compositores actuais, pasando por obras do seu repertorio clásico. A súa traxectoria profesional comeza ofrecendo concertos no MSS Autumn Series e participando no Mallorca Saxophone Festival 2020. Esta agrupación traballou tamén con importantes personalidades como Rodrigo Vila, Daniel Gauthier, Carl Emmanuel Fisbach e David Brutti.

Entre os seus galardóns destaca a súa participación na semifinal de Tribuna Sax Ensemble 2020 (Madrid 2020), e a do Concurso de Música de Cámara “Montserrat Alavedra” (Terrassa 2021), o Premio Art Jove 2020 (Palma 2020), e o terceiro premio no concurso “King’s Peak International Music Competition” (EEUU 2021).