Nigrán homenaxea a Rosalía de Castro cun graffiti do baionés Dani Seek

O Concello de Nigrán ven de estrear un gran mural sobre Rosalía de Castro na praza que leva o seu nome obra do grafiteiro miñorano Daniel Fernández “Dani Seek”. Con esta iniciativa, encadrada na programación do mes das Letras Galegas, o goberno local desexa vincular de verdade á praza co propio nome que homenaxea e, ao mesmo tempo, mellorar a imaxe desta entrada habitualmente vandalizada.

Deste xeito, o túnel de acceso, de 14 metros de lonxitude e 2,5 de altura, conta desde esta semana cun graffiti moi colorista en ambas paredes no que figura o rostro da escritora galega universal, o seu verso “Cantarte hei, Galicia, teus dulces cantares”, e diferentes motivos propios da cultura galega e a o seu medio natural (flores, paxaros, instrumentos como unha gaita e unha pandeireta, etc).

“A partir de agora, a Praza Rosalía de Castro de Nigrán rende de verdade tributo á escritora universal. O resultado é espectacular e os veciños están encantados porque pediran mellorar a imaxe dese túnel”, destaca o alcalde, Juan González, quen ademais sinala a aposta do consistorio por creadores da comarca como Dani Seek, veciño de Sabarís de 27 anos.

O mural, que suma 70 metros cadrados de superficie entre ambas paredes, é o maior que ten realizado o baionés ata agora e está pintado exclusivamente mediante técnica de espray. “Foi unha semana de traballo a tope e estou moi satisfeito co resultado obtido, quixen homenaxear a Rosalía e á cultura galega en xeral”, destaca Dani, quen confesa que lle sorprendeu recibir moitos parabéns e ánimos dos veciños mentres traballaba. O artista, cunha década de traxectoria, ven de gañar o primeiro premio do concurso “Lugo Social” que o levará a pintar a fachada dun centro hospitalario desta cidade (no 2020 foi terceiro en Xuventude Crea de Vigo).