Interceptado un mozo de Nigrán que triplicaba a taxa de alcol permitida

O pasado domingo, ás 03:07 horas, unha unidade do GOA da Policía Local de Vigo interceptou a un condutor tras observar que non respectaba unha norma de tráfico. Concretamente non deterse nunha intersección das rúas Taboada Leal con Nicaragua, e por tanto non respectar o sinal de ceda o paso. Chegado ao cruzamento, non cedeu a preferencia establecida respecto a outro turismo, o que constitúe unha conduta de risco, e supón unha sanción de 200 euros e a perda de 3 puntos de carné.

Unha vez entrevistados co condutor, A.A.D, de Nigrán e 31 anos de idade, detectaron que mostraba claros síntomas de atoparse baixo os efectos do consumo de bebidas alcohólicas. Procederon en consecuencia, a realizarlle as probas preceptivas de determinación do grao de impregnación alcohólica, lanzando estas un resultado positivo de 0.73 e 0.69 mg/l de alcol por aire expirado, o que excede o límite penal establecido.

Por este motivo instruíronse dilixencias para o efecto, para o seu traslado á autoridade xudicial competente.