Anuncios
Ticker de novas

Galarreta regresa ao campo profesional impulsado polo Club Ciclista Rías Baixas

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // David Galarreta.

O rendemento ofrecido por David Galarreta desde o inicio da tempada co Club Ciclista Rías Baixas volveulle a abrir as portas do profesionalismo. O corredor cántabro abandona a disciplina da entidade presidida por José Luis Chamorro para integrarse como stagiaire na formación canadense do H&R Block Pro Cycling Team. Unha importante baixa para a formación miñorana, pero que reafirma a súa condición de catapulta á elite do ciclismo.

O ciclista de Ramales de la Victoria, de 25 anos, xa tivera unha dobre experiencia no pelotón profesional, militando no Dare Gobik e posteriormente no Amore&Vita. O pasado mes de xaneiro recualificouse Elite. O que se podía entender como un paso atrás, na práctica converteuse nun novo impulso á súa carreira defendendo as cores do Club Ciclista Rías Baixas.

Galarreta exerceu de xefe de filas do persoal dirixido por Iván Rodríguez durante a Copa de España, terminando duodécimo na xeral e axudando ao equipo do Val Miñor a asinar a súa mellor clasificación histórica no certame estatal. Ademais, proclamouse campión Elite de Cantabria de contrarreloxo individual e adxudicouse a clasificación da Montaña no Memorial Manuel Sanroma e no Trofeo Concello de Zamora.

O salto de categoría dado polo cántabro aumenta a nómina de corredores que nos últimos anos promocionaron desde o Club Ciclista Rías Baixas ao campo profesional. Se no 2016 seguiron ese camiño José Manuel Gutiérrez e Samuel Blanco, a pasada campaña o surafricano Willem Smith foi recrutado polo Katusha Alpecin ruso do UCI World Tour.

Para a estrutura encabezada por José Luis Chamorro resulta un orgullo exercer como caladoiro de conxuntos de maior categoría. A directiva miñorana quere agradecer a Galarreta o compromiso e dedicación mostrados durante os meses que pertenceu ao club e desexarlle o maior dos éxitos nesta nova etapa.

Axentes Deportivos Tete de Course, S.L. e o seu mánager Ángel Buenache realizaron as xestións oportunas para que se concretase esta oportunidade e non se descarta que antes de que finalice a tempada algún corredor máis do Club Ciclista Rías Baixas tamén se faga un oco no panorama profesional.

Anuncios