O PP de Nigrán propón modificar a ordenanza de Ornato Público para regular o estacionamento de autocaravanas

O PP de Nigrán propón a modificación dos artigos 24 e 36 da ordenanza de Participación Cidadá e Ornato Público do 2015 para poder regular legalmente o estacionamento de autocaravanas durante o verán, “ante a inacción do Sr. Alcalde respecto diso, por non pasarse o traballo de regular esta situación dunha forma definitiva desenvolvendo unha ordenanza ao respecto, como dita a lei”.

Segundo os populares, a explicación de por que están tapados os sinais das áreas de autocaravanas vén motivada porque non procede legalmente prorrogar un Bando xa caducado con outro Bando, xa que este tipo de regulación ha de facerse por medio do desenvolvemento ou modificación dunha ordenanza ao respecto. “Esta situación foi advertida repetidamente desde outubro do 2020 pola Policía Local ao Sr. Alcalde, segundo informáronnos, e ante a intención de volver utilizar os sinais regulatorios de forma ilegal por parte do Goberno Local, a Policía Local non tivo máis opción que tapar dalgunha forma eses sinais ilegais ata que se redacte unha ordenanza que lles dea cobertura legal”.

A proposta do PP consiste en utilizar a parte regulatoria do Bando do 2020 para incorporala no artigo 24 da ordenanza actual no apartado de autocaravanas, de forma que se dea cobertura legal ás áreas xa sinalizadas para este tipo de estacionamento, engadindo a opción de poder definir no momento que estivese dispoñible algunha área que ofreza o servizo de descarga de augas grises e abastecemento de auga potable, servizo que debería de regularse en canto a se sería ou non gratuíto.

“Como xa fixemos no ano pasado, seguimos pensando que adaptar para este servizo unha zona da área de aparcamento que hai detrás da Estación de Servizo de Porto do Molle, como complemento ás áreas designadas, permitiría ampliar as prazas de estacionamento para estes vehículos co engadido dun servizo moi solicitado por este tipo de turismo. Solicitamos publicamente ao Sr. Alcalde que apoie a proposta. Podemos realizar a aprobación inicial da modificación da ordenanza no próximo pleno por acordo unánime de toda a corporación, e que por tanto en xullo entre en vigor a ordenanza modificada”, conclúen os populares.