
Dous enfermeiros de Ribera Povisa participaron na primeira ruta xacobea do ano de DisCamino como voluntarios. Pablo Bouza e Fernando Groba partiron de Vigo xunto ao resto do equipo o pasado xoves, 13 de maio, e tras cinco etapas chegaron á Praza do Obradoiro este luns.
Pablo e Fernando uníronse ao grupo tras unha proposta realizada desde o departamento de RSC de Ribera Povisa para sumarse a DisCamino na primeira ruta deste ano Xacobeo realizada en handbike-cadeira e joelette. Ambos participaron como condutores das cadeiras e asistentes dos participantes.
“Temos moitas ganas de vivir a experiencia e copiarlles as ganas de superación”, aseguraba Pablo Bouza, supervisor da UCI. Unha vez completado o Camiño, subliñou que as súas expectativas cumpríronse con fartura. “Ensináronnos a quitarnos a palabra imposible da cabeza. Non se queixan nunca dos obstáculos e simplemente buscan a maneira de sortealos”, resume.
O grupo, conformado por unha vintena de integrantes, partiu de Vigo baixo unhas condicións climatolóxicas adversas que non impediron completar as etapas segundo o plan previsto. Ao longo das cinco xornadas, os peregrinos tamén tiveron que facer fronte a imprevistos e avarías nas cadeiras sen perder o bo humor que caracteriza ao grupo liderado por Javier Pitillas, proposto pola Xunta ao premio Princesa de Asturias da Concordia.