A gondomareña Desirée Vila asegúrase a praza nos Xogos Paralímpicos de Tokio

A atleta gondomareña Desirée Vila logrou no Mitin de Basauri selar o seu billete aos Xogos Paralímpicos de Tokio, os primeiros da súa carreira, ao conseguir a marca mínima A na proba de salto de lonxitude T63. A saltadora pontevedresa realizou un mellor intento de 4,17 metros, que lle serviu para superar os 4,07 esixidos nos criterios de clasificación para Tokio aprobados polo Comité Paralímpico Español e as Federacións Españolas de deportes de persoas con discapacidade. Vila, que compite na clase T63 para atletas con próteses nunha perna, superou tamén o anterior récord de España (3,81 metros) e rexistrou a cuarta mellor marca mundial da tempada, só superada ata o momento polas xaponesas Tomomi Tozawa (4,36) e Kaede Maegawa (4,25) e a suíza Elena Kratter (4,29).

España ten asignadas 16 prazas para deportistas con discapacidade nos Xogos de Tokio, oito masculinas e outras tantas femininas. Ademais, os deportistas das clases T11 e T12 poden competir acompañados dun guía que non desconta praza. Polo momento, son dez os atletas con presenza segura en Tokio: os maratonianos Alberto Suárez (T12), Gustavo Nieves (T12) e Mari Carmen Paredes (T12); os velocistas Adiaratou Iglesias (T12) e Gerard Descarrega (T11), os lanzadores Kim López (F12) e Héctor Cabrera (F12), o mediofondista Yassine Ouhdadi (T13) e os saltadores Iván Cano (T13) e Desirée Vila (T63). Todos, salvo esta última, teñen discapacidade visual. Xunto a eles competirán dous deportistas de apoio, Lorenzo Sánchez (guía de Paredes) e Guillermo Rojo (guía de Descarrega).

E outros seis atletas acreditaron a mínima B que permite acceder á cota de prazas que non se complete coas A: os saltadores Xavi Porras (T11) e Sara Martínez (T12), o lanzador Álvaro del Amo (F11) e a mediofondista e triatleta Susana Rodríguez (T11), todos eles con discapacidade visual; o velocista Deliber Rodríguez (T20), que ten discapacidade intelectual, e a lanzadora Miriam Martínez (F36), con dano cerebral. O prazo para acreditar estas marcas conclúe o 14 de xuño.