Anuncios
Ticker de novas

Enríquez chega como líder da Montaña á esixente clásica de Aiztondo

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

A media montaña entra en escena na segunda xornada da Copa de España 2017. Este domingo celébrase na provincia de Guipúscoa a Aiztondo Klasikoa, unha proba con oito portos puntuables á que Rodrigo Enríquez chega vestido coa camisola de mellor escalador. O ourensán e os seus compañeiros do Club Ciclista Rías Baixas buscarán confirmar as boas sensacións ofrecidas o pasado fin de semana no Circuíto Guadiana.

Diego Tirilonte ocupa a décimo terceira posición na xeral e é o mellor clasificado da estrutura presidida por José Luis Chamorro. O cántabro foi un dos cinco corredores do conxunto do Val Miñor que na carreira inaugural deste certame finalizou no pelotón principal. Os pupilos de Marcos Serrano deixaron o seu sinal de equipo batallador en terras estremeñas, onde filtraron na fuga a Enríquez, que aproveitou unha escapada de máis de 150 quilómetros para situarse líder da clasificación da Montaña.

O ciclista do Barco de Valdeorras non o terá fácil para defender na Aiztondo Klasikoa o seu primeiro posto na táboa de escaladores. O percorrido de 136 quilómetros, con saída en Anduna (10:00 horas) e chegada en Villabona, presenta oito ascensións puntuables: Alkitza, seis pasos polo porto de Aduna e o alto de Sarasola, o máis duro de todos a tan só 13 quilómetros para o final.

A aliñación do Club Ciclista Rías Baixas unicamente ofrece unha novidade respecto da do Circuíto Guadiana. O vigués Daniel Rodríguez debuta na categoría Elite e Sub23, e completa “o sete” formado por Jesús Nanclares, Raúl González, Jon Ander Tomei, Diego González, Enríquez e Tirilonte.

Trofeo Cheirabas Industrial

Borja Alfaraz é o corredor que non repite no equipo da Copa de España e encabezará o terceto que representará aos miñoranos o domingo no Trofeo Olías Industrial. O salmantino estará acompañado por Jaime Guzmán e Alejandro Abellón. Esta carreira de 124 quilómetros na provincia de Toledo trae moi bos recordos ao Club Ciclista Rías Baixas. Alí impúxose a tempada pasada con vitoria de Ángel de Julián.

Anuncios