Manifesto Miñor convoca a comerciantes, hostaleiros e veciños da Praza de Rosalía de Castro

Manifesto Miñor convoca a comerciantes, hostaleiros e veciños da Praza de Rosalía de Castro a unha xuntanza o martes, día 18 de maio, ás 20:30 horas no Auditorio Lois Tobío, con todas as garantías que a pandemia require. “Diante do anuncio feito polo Goberno Municipal de humanizar a Praza de Rosalía de Castro e a súa contorna, que polo que deixan ver nos medios sería pechalo ao tránsito rodado na práctica, dende Manifesto Miñor entendemos que unha medida deste calibre, na zona máis comercial da Vila de Gondomar e onde se concentra máis do 40% dos comercios, incluída a Praza de Abastos, non pode ser imposta sen contar coa opinión e as propostas das persoas que viven, traballan ou teñen os seus comercios nesa zona”, sinala Antonio Araújo.

“Dado que o Sr. Alcalde é alérxico a falar coa veciñanza organizada e que a concelleira de Comercio está desaparecida neste problema malia ter unha suculenta dedicación exclusiva, Manifesto Miñor ten convocada unha xuntanza con todos os comerciantes da zona ou veciños interesados/afectados, pra falar deste asunto, e conseguir que a opinión e os intereses do conxunto sexan tidos en conta, antes de que sexa tarde e estea o proxecto feito e adxudicado”, engade Araújo.

Manifesto Miñor considera que as humanizacións das vilas, cidades, barrios, etc, non teñen sentido sen contar coa opinión e as propostas das persoas que habitan nestes espazos, entre outras razóns porque impoñelas pola forza “como pretende D. Paco Ferreira e o Goberno Municipal do PSOE”, fará que acaben sendo espazos mortos sen vida e sen relacións humanas, e no mellor dos casos quedarán convertidos en vilas dormitorio expulsando das mesmas o comercio e os servizos de proximidade, así como prexudicando ás persoas de rendas baixas, que ao pasaren a vivir en rúas e prazas “bonitas”, a suba dos alugueiros será imparable.

“Un efecto perverso que se dá sempre cando estas transformacións se impoñen, sobre todo cando falamos de vilas pequenas como a nosa, cunhas dinámicas humanas e comerciais moi definidas. Por sorte, a Vila de Gondomar non é unha grande cidade ou un espazo urbano saturado pero, ao carecer dunha zona vella ou histórica que teña un atractivo “per se”, a súa vida comercial depende en grande medida da accesibilidade para poder mercar, etc. Ninguén vén ao centro da Vila de Gondomar a pasear, que para iso temos parques públicos de moito interese, senón que imos á Vila a mercar, a buscar calquera servizo: perruquerías, librarías, dentistas, asesorías, lecer, cultura, ou simplemente para quedarmos coas amizades pra tomar un café ou un aperitivo, etc”, conclúe Araújo.