Brustenga anótase o primeiro asalto en Beiramar e o Vigo-Rías Baixas dá a cara na súa carreira

O palmarés da Vigo Copa de España inaugurouno este domingo unha das grandes sensacións do pelotón Elite-Sub23. O catalán Marc Brustenga (Caja Rural-Seguros RGA) impúxose ao sprint no emocionante final que tivo como escenario a Avenida de Beiramar. A incerteza mantívose ata os últimos metros na proba máis longa desta tempada do certame estatal, unha cita organizada polo Vigo-Rías Baixas e na que a estrutura presidida por José Luis Chamorro non se conformou co papel de anfitrión.

Os 176 quilómetros de percorrido polo sur da provincia de Pontevedra, con saída e chegada enfronte do Auditorio Mar de Vigo, arrancaron co conxunto flúor sendo protagonista no primeiro punto quente. O seu velocista Miguel Ángel Fernández adxudicábase o Sprint Especial de Redondela, no quilómetro 3.

A calma non chegaría ao pelotón ata que callou a primeira fuga. José María García (Valverde Team) destacouse no ascendente paso por Mos e ao representante da formación murciana uniríanse Marcos Navarrete (Netllar) e Daniel Jiménez (Supermercados Froiz).

Este trío chegou a contar cunha vantaxe próxima aos 4 minutos e pasaría comandando a carreira pola primeira Meta Volante do Polígono da Pasaxe, polo Sprint Especial de Gondomar e polo Alto de Chenlo. Unha vez alcanzado o quilómetro 100 uniríanselles outros sete corredores. Esta escapada numerosa quen máis a rendibilizou foi Ángel Coterillo (Gomur), que coroou na cabeza a primeira ascensión ao Monte de Alba e adxudicouse tanto a segunda Meta Volante da Pasaxe como o Sprint Especial de Nigrán.

Ataques no Alba

O pelotón non se deixou sorprender e antes de penetrarse na segunda subida ao Monte Alba abortou a fuga. O equipo Lizarte, que defendía a camisola de líder de Pau Miquel na Copa de España, marcou o ritmo na maior parte da ascensión ata que os ataques sucedéronse unha vez atravesada a parroquia de Chandebrito. Entre o grupo de corredores que se moveu nas ramplas máis duras deste porto estiveron Ander del Castaño (Vigo-Rías Baixas) e Jorge Gutiérrez (Lizarte), que pasou primeiro pola cima, a 35 quilómetros da liña de meta.

Os intentos por romper a carreira non frutificaron e no descenso cara á Ramallosa se reagrupaba un pelotón formado por 40 unidades. A entrada no concello de Vigo producíase con Mario Vilches (Bicicletas Rodríguez Extremadura) rodando en solitario cunha escasa renda.

O sprint na recta da Avenida de Beiramar estaba cantado, pero a punto estivo de dinamitalo Ramón Fernández (Supermercados Froiz). A súa escapada no último quilómetro quedou a 100 metros da vitoria.

Os máis rápidos entre os elixidos pasárono con Brustenga en primeira posición batendo a David Martín (Eolo Kometa) e Pau Miquel. Co mesmo tempo que o gañador entraron dous ciclistas do Vigo-Rías Baixas: Nicolae Bumbu (24º) e Del Castaño (29º). Dos 193 corredores que tomaron a saída concluíron 48, o que pon de manifesto a esixencia do percorrido.

O terceiro posto de Pau Miquel permítelle manter a camisola de líder da Copa, aínda que o sub23 do Lizarte ve recortada a súa vantaxe respecto a Brustenga, segundo na xeral. Ademais do triunfo individual, o Caja Rural anotouse o primeiro posto por equipos, mentres que Ángel Coterillo subiu ao podio para recoller os trofeos como gañador das Metas Volantes da Pasaxe e o Gran Premio de Montaña Toyota Nipocar.

Campionato de Galicia

O mesmo trazado da sexta xornada da Copa de España acollerá este luns, festividade das Letras Galegas, o Campionato de Galicia de Fondo en Estrada. Desde as 10:00 horas as bicicletas volverán rodar na Avenida de Beiramar e o desenlace está previsto para preto das 15:00 horas. Nesta competición de carácter Open -aberta a ciclistas doutras comunidades- inscribíronse preto de 190 ciclistas e poñeranse en xogo as camisolas autonómicas Elite e Sub23.