Nova data para a celebración do Rallye Rías Baixas

FOTO: POWER STAGE MEDIA // Manuel Fernández no Tramo de Salceda.

A 54ª edición do Rallye Recalvi Rías Baixas celebrarase finalmente os días 23, 24 e 25 de xullo. A Escuadra Rías Baixas adoptou esa decisión, contando co beneplácito dos seus principais patrocinadores, tras manter unha reunión co comité organizador do Rallye Botafumeiro, que calendara inicialmente a súa proba para esa data e buscaba unha nova por motivos organizativos.

Debido á dificultade para atopar un oco no calendario, pola concentración de probas e eventos deportivos que se celebrarán no segundo semestre deste ano (entre Estatais e Autonómicas) motivado pola pandemia da Covid-19, ambas as dúas Escuadras chegaron a un acordo beneficioso, onde tentan non prexudicar a ningunha outra proba. O 54º Rallye Recalvi Rías Baixas pasa a celebrarse do 23 ao 25 de xullo e o 28º Rallye Botafumeiro a fin de semana do 6 e 7 de agosto, polo que a proba evita coincidir coa celebración de O Marisquiño e o rallye santiagués cos actos da festividade do Día de Galicia.

“Desde a Escuadra Rías Baixas queremos dar as grazas ao Grupo Recalvi, principal patrocinador da proba, e ao Concello de Vigo polo seu apoio incondicional, así como á Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, a todos os concellos polos que discorrerá o rallye e demais patrocinadores. A nosa ilusión, coa imprescindible colaboración de todos os participantes, é ofrecer ao público en xeral un gran evento de motor, con todas as medidas de seguridade, tanto deportivas como sanitarias”, apuntan desde o Comité Organizador.