O Vigo-Rías Baixas organiza a Copa de España e o Campionato de Galicia

O ciclismo regresa a Vigo e faio por partida dobre. A Copa de España Elite-Sub23 e o Campionato de Galicia de Fondo en Estrada chegan á cidade olívica da man do Vigo-Rías Baixas. A entidade presidida por José Luis Chamorro presentou este martes no salón de actos do Círculo de Empresarios de Galicia as dúas probas que se disputarán o domingo e o luns nun espectacular percorrido de 180 quilómetros polas estradas do sur da provincia de Pontevedra.

“Nunca pensei que fóra a chegar un día como este”, confesou o presidente do Vigo-Rías Baixas antes de agradecer que o soño do seu club fixéseno posible “as administracións co seu apoio, a achega de 40 empresas e a colaboración de máis de 500 persoas que velarán pola seguridade das carreiras”.

Chamorro tamén subliñou o papel xogado pola Comisión Delegada da Real Federación Española de Ciclismo e por José Ramón Lete Lasa, secretario xeral de Deportes da Xunta de Galicia, para que a Copa de España se celebre en Vigo. Desde fai once anos o certame estatal non ten a Galicia como escenario dunha das súas probas.

O alcalde Abel Caballero mostrou a súa satisfacción porque Vigo se converta na capital do ciclismo estatal durante dúas xornadas. “Imos apostar porque esta proba se consolide na cidade”, asegurou o rexedor olívico referíndose á cita da Copa de España Elite-Sub23.

A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández Tapias, e o deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez, tamén interviñeron neste acto que contou coa presenza de Diego Francisco, tenente da Garda Civil; Carlos Cárdenas, comandante Naval; Manel Fernández, concelleiro de Deportes de Vigo; Francisco Ferreira; alcalde de Gondomar; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Rubén Rial, tenente alcalde de Nigrán; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; e personalidades deste deporte como Álvaro Pini, Ezequiel Mosquera e os corredores en activo Delio Fernández e Gustavo César Veloso.

Percorrido

A sexta xornada da Copa de España disputarase o domingo, con inicio e final na Avenida de Beiramar, a partir das 10:00. A esa mesma hora arrancará o luns o Campionato de Galicia. Marcos Serrano, director deportivo do Vigo-Rías Baixas, encargouse de analizar un trazado que presenta tres portos puntuables, o Alto de Chenlo e un dobre paso polo Monte Alba, como os seus puntos máis esixentes.

“Queremos que o gañador sexa o mellor”, apuntou Serrano sobre un percorrido ideado para que brillen os corredores máis destacados do pelotón amateur e que é “o máis longo da Copa de España”. Aos 20 equipos que participan en todas as carreiras do certame estatal sumaranse este domingo oito conxuntos invitados pola organización, mentres que o luns teñen reservada a súa praza todos os ciclistas Elite-Sub23 galegos que se inscriban e estarán acompañados de varios equipos de fóra da comunidade autónoma que pernoitarán en Vigo para encadear dous días de competición.

O impacto económico para a cidade que supoñen estas dúas carreiras destacouno Gerardo Chamorro, xerente do Vigo-Rías Baixas, que á súa vez explicou o protocolo anti-COVID deseñado pola organización, coa realización de test de antíxenos na tarde do sábado a todos os corredores co fin de crear unha burbulla de seguridade. Por motivos sanitarios, convídase a todos os afeccionados a que opten por seguir as carreiras a través da retransmisión streaming.