Todo listo para que arranquen os motores

FOTO: RALLYE RÍAS BAIXAS // Miguel Fuster no TC Chenlo-Morgadáns.

A parella asturiana formada por Jose Antonio “Cohete” Suárez e Alberto Iglesias, do Recalvi Team e aos mandos dun Škoda Fabia Rally2 Evo, será o primeiro dos equipos en tomar a saída do 54 Rallye Recalvi Rías Baixas que, tras un ano de forzosa ausencia pola pandemia da Covid, volve á actualidade das competicións de motor e con iso á cidade de Vigo e os concellos limítrofes.

Tras os actuais líderes do Supercampionato de España de Rallyes será a quenda de Sergio Vallejo e Álvaro Louro: equipo que encabeza de forma provisional a clasificación xeral da Copa de España de Rallyes. Seguiranlle o asturiano Óscar Palacio, gañador na cita anterior da Copa, en Narón; o salcedense Jorge Pérez, o naronés Jorge Cagiao, tamén encadrado na estrutura Recalvi, Pablo Rey con outro espectacular Škoda Fabia Rally2… e así ata un total de 71 equipos que confirmaron a súa participación nunha das probas máis emblemáticas do panorama automobilístico galego.

Neste 2021 o Rías volve ao calendario nacional de rallyes e faio encadrado na nova Copa de España de Rallyes de Asfalto (CERA) que xorde tras a reordenación de certames acometida pola Real Federación Española de Automobilismo (RFEdeA) nesta tempada. Un retorno ansiado e que se fixo esperar pero que devolve á cita viguesa ao lugar no que estivo presente durante gran parte das súas edicións celebradas.

Esta volta ao nacional arrancará coa disputa, a dobre pasada, do xa coñecido tramo urbano Vigo-Castro e que tan boa acollida tivo por parte de público e pilotos nas últimas edicións. A actual situación sanitaria limitará a presenza de afeccionados nesta especial, polo que só os 3.000 primeiros espectadores en obter a súa acreditación poderán gozar das pericias dos pilotos ao longo dos 1.640 metros de percorrido desta especial.

A primeira pasada ao tramo urbano terá lugar ás 17.08 horas e a segunda ás 19.22 horas. Entre medias, os equipos estacionarán os seus vehículos no parque de reagrupamento situado na Rúa Policarpo Sanz; mesmo lugar onde estará o parque de pechado e onde terá lugar a cerimonia de entrega de trofeos, unha vez conclúa a proba na tarde do sábado.

Durante esa segunda xornada de sábado os participantes percorrerán en tres ocasións as especiais de Vigo-Nigrán (14,610 km), Gondomar-Porriño (10,650 km) e Salceda (13,210 km). En total serán 105,48 quilómetros contra o crono para dirimir quen é o equipo máis rápido nesta edición do Rallye Recalvi Rías Baixas.

Como novidade nesta edición, o parque de asistencia e a oficina permanente do rallye estarán situadas nas inmediacións da zona deportiva do Campus Universitario de Vigo; un emprazamento moito máis amplo e cómodo para todos os integrantes da ampla caravana que forma este evento deportivo.