Nigrán celebra o sábado o acto central das Letras Galegas

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 15 de Maio desde as 19:00 horas no Auditorio Municipal o seu acto central das Letras Galegas, dedicado integramente á figura de Xela Arias, cunha charla-coloquio e posterior concerto-homenaxe. A entrada será de balde ata completar o aforo permitido polas autoridades sanitarias e os asistentes recibirán o libro “Poesías e Retratos” de Xela Arias e o fotógrafo (e marido) Xulio Gil, editado polo Concello e Engaiolarte para a ocasión.

Camiño Noia, escritora, catedrática e veciña de Nigrán experta na obra de Xela Arias, será a encargada de dirixir o coloquio xunto a Xan Carballa, director da Editorial Engaiolarte, e a familia máis próxima da poetisa (o seu fillo Darío Gil Arias, a súa nai Amparo Arias e os seus sobriños Bruno e Iago Arias). Unha pequena exposición recollerá en diferentes paneis retratos de Xela tomados por Xulio Gil e fragmentos dos seus poemas, tal e como aparecen no libro “Poesía e Retratos”.

“Desde o Concello de Nigrán queremos, con esta publicación e con todo o mes de Maio adicado a súa obra, render a unha sentida homenaxe a unha poeta que viviu con presa, e iso foi o que lle impediu vivir”, sinala o alcalde, Juan González, no prólogo ao libro editado polo Concello. Nel explica que tivo a ocasión de coñecer á autora no “efémero proxecto cultural ‘Galería Círculo y Cuadrado’ de Sabarís” e quedou impresionado porque “Xela transmitía xenerosidade e optimismo”. “Queda a súa palabra”, incide.

Xardín Desordenado

A continuación, ás 20:00 horas, o Concello de Nigrán ofrecerá o concerto-homenaxe de Xardín Desordenado, banda galega con máis de dez anos musicando a autores galegos e que, nesta ocasión, baseará a actuación nos catro poemarios de Xela Arias.