Colexios de Baiona e Nigrán acollerán o programa piloto “Vexo, Veo Xacobeo”

Co obxectivo de achegar a cultura e o fenómeno xacobeo ás novas xeracións no marco da programación do Xacobeo 21-22, a Casa das Campás en Pontevedra acolleu esta mañá a presentación do proxecto Vexo, Veo Xacobeo.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, participaron na presentación deste programa piloto, nun acto no que tamén estivo presente Jorge Genaro Soto, vicerreitor do Campus de Pontevedra

Vexo, veo Xacobeo nace como un programa piloto que se desenvolverá inicialmente en 10 colexios de Pontevedra este curso, entre o 19 de maio e o 17 de xuño, para divulgar, sensibilizar e promocionar os Camiños de Santiago e do Xacobeo, a través do conto, a lectura e a teatralización. “O que non se coñece non se pode protexer, amar nin promover”, explicou a directora de Turismo de Galicia, quen destacou que a iniciativa pretende a recuperación do patrimonio inmaterial e achegar o intercambio cultural a través da tradición oral aos cativos de Educación Infantil e 1º ciclo de Educación Primaria.

Neste primeiro programa piloto Vexo, Veo Xacobeo chegará a preto de 250 cativos de idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos de colexios públicos dos concellos da Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Tui, O Porriño, Mos, Redondela, Caldas de Reis e Valga que afondarán no Camiño Portugués e no Portugués da Costa.

Plan Proxecta para toda Galicia

Pero o proxecto nace con vocación de continuidade e de ampliarse a toda Galicia a partir do vindeiro curso. “Este vai ser un precioso ensaio do que queremos que teña continuidade nos vindeiros cursos académicos”, explicou Nava Castro, “porque queremos que se integre no Plan Proxecta e se incorpore esta iniciativa á súa programación, como parte do desenvolvemento das competencias claves dos programas educativos e no que se inclúe a educación en valores”.

Neste sentido, o secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, destacou que esta experiencia piloto será o xerme dunha colaboración máis ampla entre Turismo de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o uso do Camiño de Santiago como ferramenta didáctica “para divulgar e promover o coñecemento dun dos nosos patrimonios inmateriais máis célebres”.

A colaboración incluirá a elaboración de materiais e recursos didácticos (materiais audiovisuais, actividades lúdico-pedagóxicas, secuencias didácticas…) para a súa utilización nos centros docentes. Ademais, a integración deste programa dentro do Plan Proxecta permitirá desenvolver un proxecto interdisciplinar ao redor do Camiño de Santiago, “que constitúe unha canle extraordinaria para o intercambio cultural entre o noso territorio e o resto de Europa, de xeito que permite promover no alumnado o interese e o respecto cara outras culturas recoñecendo ao mesmo tempo a riqueza dos seus signos de identidade”, explicou o representante da Consellería de Educación.

Trátase, en definitiva, dunha plataforma que dun xeito didáctico e ameno busca achegar á comunidade educativa os valores do Camiño de Santiago e o significado do Xacobeo a través dun contido de calidade, especialmente de cara á celebración non só deste Ano Santo dobre se non aos vindeiros Anos Santos no marco desta década xacobea que vimos de comezar.