COGAMI e ASNAUGA a favor da participación en actividades náuticas das persoas con discapacidade

A Asociación de Clubes Náuticos de Galicia e COGAMI asinaron un convenio de colaboración co fin de facer accesibles e inclusivas a todas as persoas tanto as instalacións como as embarcacións e o desenvolvemento de actividades deportivas e de lecer.

Co fin de promover contornas que garantan a non discriminación das persoas con discapacidade na participación de actividades náuticas, o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Anxo Queiruga, e o presidente da Asociación de Clubes Náuticos de Galicia (ASNAUGA), Javier Ruiz de Cortázar, asinaron un convenio de colaboración nas instalacións que COGAMI ten en Santiago no que tamén estivo presente o coordinador de Accesibilidade de COGAMI, Álvaro García.

Con este acordo, os trinta clubs náuticos que forman parte de ASNAUGA, como o RCN de Vigo, Agrupación Náutica San Gregorio, Liceo Marítimo de Bouzas, Club Marítimo de Canido ou Monte Real Club de Yates de Baiona, comprométense a organizar actividades inclusivas e non discriminatorias para contribuír na mellora da accesibilidade tanto de infraestruturas e instalacións portuarias como das propias embarcacións de recreo.

Outro dos acordos adoptados tras este convenio é que as actividades de lecer que se deseñen van ser adaptadas a persoas con discapacidade, permitindo o desenvolvemento de capacidades de carácter físico e deportivas. Entre estas actividades atópase a de navegación a bordo do veleiro adaptado Laion, incautado pola Audiencia Nacional ao narcotráfico para cederllo en garda e custodia a unha entidade de COGAMI, sendo outra destas actividades a promoción das dúas rutas establecidas na Travesía Náutica Xacobea.